NESTE MOMENTO ESTAMOS ABERTOSNESTE MOMENTO ESTAMOS PECHADOS
ABERTOPECHADO
HORARIOSHORARIOSHORARIOS
LOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓNLOCALIZACIÓN
Biblioteca do museo. Edificio Santa Mª de Europa (A Carballeira)

Rúa Xílgaros s/n. Tfno.: 988 788 439 | Fax: 988 788 450

De luns a venres de 9.00 a 14.00 horas

Exposición: “Escolma de Escultura”. Sala San Francisco (edificio anexo ao claustro)

Rúa da Granxa s/n. Tfno.: 988 788 417

De martes a sábado de 9.00 a 21.00 horas

Domingo de 9.00 a 15.00 horas

Luns e festivos pechado

Rúa da Granxa s/n.
Tfno.: 988 788 417

Allariz. Rúa da Ferreiría polo Marqués de Santa María del Villar

Allariz. Rúa da Ferreiría polo Marqués de Santa María del Villar

Na primavera de 1959, moi preto dos 80 anos, mantiña o Marqués de Santa María del Villar intacta a súa esencia: a paixón pola fotografía unida a unha incansable afección viaxeira. Calidades persoais que destinou á divulgación do patrimonio cultural o que o levou a recorrer practicamente todos os puntos da xeografía española, entre eles, por varias ocasións a provincia de Ourense. Os seus monumentos, a súa paisaxe, as súas xentes captaron a atención do artista e sobre elas escribe nos medios máis importantes do momento.

Obsesionado coa autenticidade, a súa fotografía tenta reflectir o máis fielmente a beleza. Para el o segredo consistía en buscar os relevos nos efectos das luces. A arte fotográfica sería sempre un xogo difícil e cheo de sorpresas con esa cousa sutil e case inaprensible que é a luz. Naturalidade que defendía igualmente cando trataba a figura humana. A súa intención era retratar a vida da súa época, unha sociedade esencialmente rural, sen poses nin artificios. Por isto soia viaxar cunha cámara lixeira que o fixese pasar desapercibido, sen que a súa presenza modificase o comportamento das persoas. Trátase dunha fotografía de reportaxe fronte a unha de intervención que practicaron a maioría dos seus contemporáneos.

Nese ano do 59 captura varias imaxes da vila de Allariz. Entre elas atópase a da rúa da Ferreiría. Nesta vista o artista consigue plasmar os elementos verdadeiramente importantes do escenario escollido. Entre as vivendas, que na traseira acubillan o pano da muralla medieval, transcorre a vida diaria da rúa. Ao fondo unha persoa camiña de costas con présa cara un burro cargado mentres, por contrario, unha muller case integrada na arquitectura, harmoniza a escena, na postura de alguén que espera que pase algo, aínda que quizais nunca suceda nada. As profundas rodeiras labradas no decurso do tempo son as protagonistas da imaxe remitíndonos metaforicamente a un lugar moldeado ao longo dos séculos cunha longa historia.

A fotografía como documento permite conservar un instante do pasado. Permite que algo poida ser visto de novo. Por isto transmite nostalxia. Mais esa sensación é menor cando, como no caso da milenaria vila de Allariz, se soubo preservar a esencia.