Arte
En Ourense, Vicente Risco, en textos como «Preludio a toda estética futura» de 1917 na revista La Centuria ou nunha conferencia titulada «Arte nova» pronunciada en 1920, expuña un coñecemento e visión da vangarda fóra do común para unha España que descoñecía o que sucedía no exterior. Cubismo, expresionismo, futurismo ou surrealismo apenas van ter influencia nas tres primeiras décadas do século no panorama artístico nacional.
Xunto a Castelao, Risco marca as directrices da arte galega anterior á guerra civil. Cando volve de Madrid a Galicia o seu posicionamento é contrario á adopción da estética das escolas francesa e alemá. Xunto ao resto do Grupo Nós, defenden que a arte debe subordinar a estética ao reforzamento da identidade galega. Castelao adopta un realismo claro e directo coa caricatura como medio de expresión e denuncia. Esa linguaxe pode explicar o éxito do Álbum Nós, que antes de ser editado en 1931, viaxou por Galicia e Madrid en formato de exposición impulsada polo Grupo Nós.
Frecuentou nos seus primeiros anos Cándido Fernández Mazas o Grupo Nós, mais diferían nos presupostos estéticos. Co tempo as diferenzas evidénciase en acedas polémicas. Defendía Mazas unha estética de vangarda. Idea moderna que manexaba desde moi cedo puido perfeccionala e coñecer de primeira man en París cunha pensión da Deputación ourensá nos anos de 1925 e 1927. Algo que será máis habitual posteriormente é o desenvolvemento por Fernández Mazas dun interesante labor ensaístico, preocupado por dotar a súa obra dunha sólida base teórica. Non sempre comprendida conseguiu vivir da súa arte. O traballo para a subsistencia, problemas de saúde e unha prematura morte impedíronlle desenvolver todo o seu potencial.