Caza
Mirémola con simpatía ou con anoxo cazar, cazouse sempre, mais non sempre as sociedades cazaron da mesma maneira, nin movidas polas mesmas causas. A caza comezará a ser ao longo do século XX domesticada, ata quedar convertida nunha especie de gandería extensiva, cuxo sacrificio non se fará para procurar alimento ou outros produtos como antes, senón prioritariamente para satisfacer unha diversión ou deporte.
O século comezaba coa lei de caza de 1902 na que se puña remedio á caótica situación anterior. A principal eiva vai ser o desinterese do Estado na conservación do patrimonio natural e a derivación das súas responsabilidades cara aos propios cazadores e ás asociacións que o regulamento permitía.
Favorecido pola mellora dos medios de transporte, o cazador tipo sería un cazador urbano, de clase media, dedicado preferentemente á caza menor, pois a maior seguía restrinxida aos grandes propietarios ou adiñeirados. A actividade cinexética presentábase na época como un exercicio excelente para a saúde co engadido de poder gozar do campo.
Conforme nos acercamos ao ano 30 o aumento de practicantes é espectacular, visible tanto no número de licenzas expedidas como no desenvolvemento de negocios específicos: as armerías.
O elevado número de cazadores fará que sexan eles mesmos os maiores interesados en que se cumpra a normativa, en canto á prohibición de circular caza en tempo de veda, tirar ás femias de caza maior ou exportar caza ao estranxeiro, e evitar así o esgotamento do recurso como medio de garantir a supervivencia da súa afección.
Non obstante a caza foi a responsable dunha enorme regresión nalgunhas especies. Especialmente nas consideradas daniñas (lobo, raposo, garduña, aves rapaces…), que carecían de protección e mesmo se premiaba a súa caza. A mediados dos anos 20 comezou a aumentar entendendo que todo o que na natureza non ten utilidade debe ser descastado.
A caza maior seguirá sendo un privilexio do terratenente ou rico, único que ten os terreos adecuados en propiedade ou arrendamento e que pode sufragar a custosa organización da mesma.
En paralelo, dentro da dinámica da época de exhibición e conversión en espectáculo medraron os campionatos urbanos e vilegos de tiro ao pichón, substituído polo prato cando as aves encareceron debido a escaseza.