Charlestón
A mediados da década chega a España un desarticulado baile, caracterizado polo seu dinamismo e improvisación, que responde á imaxe icona dos anos vinte: o charlestón. Como todas as novidades do momento encontrou acollida primeiro nas cidades para estenderse rapidamente a todos os recunchos, de modo que non había verbena de pobo na que a orquestra non o incluíse no seu repertorio. Ao comezo os xornais cualifícano despectivamente e as autoridades estimulan o chotis nalgúns festexos oficiais. Mais as jazz–band triunfan amenizando as madrugadas cos bailes de alén dos mares: fox-trot, ragtime, shimmy, a finais de década o yale... e o tango.
Son habituais os premios e concursos de baile acompañando ás ceas americanas. As mulleres usan vestidos con listóns e colocan ligas das que penduran cascabeis para acentuar o movemento. Na liña do espectáculo celébranse campionatos de resistencia, ás veces con grave perigo para a saúde das persoas participantes. O ourensán Manuel Cobelas, xunto á súa irmá (só os homes tiñan premio) recorreu España en espectáculos, despois de disputarse máis de 30 horas seguidas bailando co campión alemán Breslau no Teatro Principal de Ourense e darse conta que tiña unha fortuna nos pés.
O protagonismo do baile era tal que dentro das actividades organizadas con motivo da visita real de 1927 a Ourense a xornada coróase cun té dansant (té, pastas e baile con orquestra) no edificio da Deputación.