Cultura e Galeguismo
Nos anos 20, Ourense é berce e escenario da máis importante actividade cultural de Galicia. É un momento de esplendor das letras e a cultura, no que se publica boa parte da obra máis relevante da literatura galega. Gran porcentaxe dese impulso débese á actividade da Revista Nós, fundada e dirixida por Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, cuxa liña de acción principal era universalizar a cultura galega dentro dun espírito de autoafirmación colectiva.
Estenden o uso do galego á prosa -case reservado anteriormente para a poesía- e a ámbitos como a política, prensa, ensaio ou ciencia. Nunha aptitude de insubmisión o galego é a súa lingua habitual tamén na fala, nunha sociedade urbana e burguesa que renega da súa raizame.
A investigación histórica deu un salto cualitativo no ámbito da Prehistoria de Galicia, ao descubrir un déficit de estudo, dentro dunha nova arqueoloxía na que non se limitan a describir acontecementos e se fixan o obxectivo de reconstruír unha civilización descoñecida ata ese momento.
Paralelamente, Vicente Risco publica á Teoría do nacionalismo galego, obra na que define á nación como un feito natural baseado precisamente na cultura, lingua, historia e tradición, elementos que constituían a singularidade do pobo galego e sobre os que o galeguismo vai pivotar a súa acción política nesta época.
A inicios da década comezan a organizar as estruturas dos partidos galeguistas. A Ditadura en 1923 vainos someter á clandestinidade. Traballan arduo na sombra, de feito cando asoma o cambio de réxime reorganízanse rapidamente. O galeguismo é forte no sur de Galicia e Ourense o meollo. O esforzo veuse recompensado nas primeiras eleccións de xuño de 1931 (aínda sen o voto feminino, aprobado o 1 de outubro de 1931), nas que logran acadar representación en Madrid -feito que non se volveu repetir na provincia de Ourense- con dous deputados: Castelao e Otero Pedrayo, este último foi ademais o candidato máis votado na cidade de Ourense.