Ditadura de Primo de Rivera I
Nunha soa ocasión visitou Ourense o xeneral Primo de Rivera. A sociedade acollera no peor dos casos con indiferenza o Golpe de Estado do 13 de setembro de 1923. O ditador contaba co apoio da burguesía, que buscaba un clima de seguridade para as súas inversións, coa simpatía popular, que esperaba a resolución dunha guerra interminable con Marrocos e non houbo resistencia por parte de organizacións como agraristas ou socialistas aos que a ruptura do statu quo lle abría a posibilidade de participar no xogo político do que o turnismo os mantiña afastados. Non obstante, a ditadura supuxo un notable recorte das liberdades civís e políticas.
As primeiras medidas foron disolver o Congreso, Senado, suspender as garantías constitucionais e declarar o estado de guerra (no que se viviría indefinidamente). O 31 de setembro disolveu todos os concellos de España.
Serían substituídos por unha Xunta de asociados, nomeados directamente por un delegado de xerarquía militar que estaba á fronte de cada partido xudicial. En xaneiro faría o propio coa Deputación provincial.
Outra das primeiras medidas foi estender o Somatén a toda España. Constituía esta, unha organización de individuos de «recoñecida moralidade», con profesión ou oficio nas localidades nas que residían, aos que se lle permitía o uso de armas como axentes da autoridade ou policía auxiliar.
Moitas das persoas que os integraban formaban parte de Unión Patriótica, o partido do Goberno. Marcial Ginzo Soto, Arturo Noguerol, Xavier Prado Lameiro ou Arturo Salgado Biempica foron algúns dos significados representantes de Unión Patriótica. Máis que un partido político ao uso, sobre todo nos primeiros tempos, era un movemento cuxa misión era exercer as necesidades propagandísticas do réxime. Da súa man corre a visita que en xullo de 1924 fai á capital provincial. O máis rechamante desta foi o banquete popular que congregou a 1600 persoas (4000 segundo a organización) no Xardín do Posío, mais a principal preocupación da sociedade ourensá foi aproveitar a viaxe para transmitirlle ao «presidente» algunhas reclamación históricas. Ao longo do percorrido que debía facer o vehículo presidencial pola cidade, un comité pro-ferrocarril colocou tres carteleiras atravesando a estrada cos escudos de Ourense e Zamora e a lenda: «Ferrocarril Orense Zamora». Dos balcóns das vivendas colgaban idénticos textos e á entrada do ditador no Goberno Civil explosionaron dous foguetes deixando caer multitude de octavillas coa reclamación.
A construción dun enlace de Madrid co porto de Vigo era unha vella aspiración que databa de mediados do século XIX. Construído o Orense – Vigo e o tramo de Madrid ata Zamora, só quedaba conectar Ourense con esta última cidade. Desde a aprobación da liña en 1912 o proxecto ten unha tramitación complicada e lenta ata que é incluído no Plan Preferente de Ferrocarrís de Urxente Construción, engadindo o prolongamento do tramo ata á Coruña. Ao ano seguinte comezarían as obras que tras longas obras remataron na súa totalidade en 1958.
Primo de Rivera non visitou máis Ourense. O resto foron paradas fugaces de paso a outros lugares. Saúdos nas estacións ferroviarias ou no descanso do automóbil. En 1929, cando se dirixía a Mondariz, deteñen o auto en Verín. Sabedoras desta viaxe as autoridades ourensás cítanse ás seis da tarde para esperalo ás portas do Goberno civil. Alí estaban o alcalde, o presidente da Deputación, o da Audiencia, o tenente coronel da Garda Civil, o delegado gobernativo, varios deputados e concelleiros, o arquitecto municipal, o director do hospital... e moitas outras persoas. Ás oito e media a comitiva presidencial cruzou a cidade sen deterse. Non obstante, o «presidente» ao darse conta da presenza das autoridades, sacou o busto fóra do coche e descuberto saudou afectuosamente.