Educación
En España no 1920 contabilizábanse arredor de 30 000 mestras e mestres cuxo salario era de 5 pesetas ao día. En comparación, un xornaleiro cobraba 7 pesetas. No mesmo ano, máis da metade da poboación era analfabeta. A ditadura de Primo de Rivera intentou revolucionar o sistema educativo para reducir drasticamente as taxas de analfabetismo. Pretendíase a formación de «cidadáns modernos» convenientemente adoutrinados nos postulados da ditadura. Para isto era preciso aumentar o número de escolas e docentes.
Había na provincia a finas da década 1118 escolas. Delas 209 foron creadas neste período. Este crecemento, a diferencia da tónica xeral española, non foi acompañado da construción de novos edificios, a excepción daqueles lugares nos que a veciñanza puxo os medios humanos e materiais. A opción do Estado foi o alugamento de vivendas particulares que non estaban preparadas para tal fin. Na cidade a educación estaba atendida principalmente por centros privados.
A mediados da década o salario de educadores mellorou algo, non obstante, de 1120 persoas en Ourense, cerca de 400 exercían en interinidade o que equivalía a un reducido montante de 2000 pesetas anuais.
Ademais de mal pagada, a condición de mestre estaba exposta a unha vixilancia continua, incluíndo a súa vida privada, e a persecución de condutas consideradas antisociais ou antipatrióticas.
No ámbito da ensinanza primaria a Ditadura potenciou festas e rituais patrióticos nas escolas e a impuxo o castelán como única lingua nas aulas.
Nas capitais de Concello, e onde o número de estudantes era suficiente as escolas estaban separadas por sexo como estipulaba o réxime, cunha educación diferenciada para cada grupo.
A pesar das barreiras que o propio sistema educativo puña e as trabas da sociedade é significativo o aumento da presencia feminina nos Institutos. Moitas mulleres viron nos estudos, e especificamente no maxisterio, a posibilidade de autonomía económica e de situarse no mundo fóra do fogar.
Na segunda ensinanza reduciuse o número de exames e aplicouse un texto único para todo o Estado.
No ámbito universitario, a loita estudantil (incluíndo o profesorado: Unamuno, Menéndez Pidal, Ortega y Gasset…) foi dos principais problemas da Ditadura e onde encontrou maior oposición. De feito, a protesta contra a reforma que abría o recoñecemento oficial de título dos estudos privados conduciu a un paro xeral que superou o conflito académico e puxo en tal tesitura ao ditador que, acosado por varias frontes, acabou por dimitir.