Emigración
«Os galegos sabemos arranxar os papeis e pedir unha pasaxe de terceira; sabemos agacharnos nas bodegas dun transatlántico cando non temos diñeiro; sabemos agarrar camiño cun fardo no lombo ou empuxando una roda de afiar; sabemos abrir fronteiras cerradas e pedir traballo en todas as linguas; sabemos en fin, canto debe saber un bo camiñante, aínda que a viaxe sexa a primeira da nosa vida».
Castelao. Sempre en Galiza. 1944
Entre 1880 e 1930, máis de 900 000 galegas e galegos probaron fortuna en busca do soño americano. A maioría foron mozos, sen máis estudos que os primarios ou analfabetos, solteiros e labregos de ocupación, que a precaria agricultura galega non podía ocupar debido ao crecemento de poboación, nin a industria acadara o desenvolvemento como para darlles cabida. Este aumento viuse favorecido polo levantamento de restricións legais á emigración e por unhas condicións moi vantaxosas dos países receptores ante a necesidade de man de obra para as súas puxantes economías.
Ademais viaxar era sinxelo. As grandes compañías de buques transoceánicos abarrotaban as páxinas publicitarias dos xornais, tamén na rúa e dispuñan de oficinas nas mellores zonas. O cruce foi cada vez máis rápido, seguro e frecuente. Nuns 20 días podíase chegar ao destino, con cada vez mellor comodidade na viaxe, mesmo en terceira clase en que viaxaba a maioría, aínda que persistían o amontoamento de persoas e as malas condicións hixiénicas.
A partir de 1910 increméntase o número de mulleres que viaxan soas, ata chegar a primeira metade da década de 1920 na que representan o 40 % do total. Se anteriormente o destino principal da emigración eran os campos de Cuba, agora recalan preferentemente na Arxentina. En 1914 entre un 8 e un 10% da poboación bonaerense era galega. A súa ocupación máis frecuente é a de criadas/os (mucamas/os), mozos de corda ou o pequeno comercio.
A inserción non foi fácil e a miúdo obxecto de discriminación. Poucos foron os que triunfaron. Algúns «indianos» volveron facendo gala do gañado e aprendido mais aplicaron os seus capitais non en industria senón en edificios. Non obstante, as remesas americanas produciron enorme impacto na economía galega desta época, con efectos moi positivos como permitir o financiamento de numerosas escolas primarias (en menor medida na provincia de Ourense), a activación de sociedades agrarias que introduciron grandes avances agrícolas ou o financiamento da redención foral.