«Ourense. Anos 20». Fútbol feminino

«Ourense. Anos 20». Fútbol feminino

Fútbol feminino

Nos anos 20 había unha muller que xogaba ao fútbol nun equipo de homes. Era a coruñesa Irene González Basanta, porteira do equipo que levaba o seu nome, o Irene F. C. quen competía contra calquera ocupando o lugar que os estereotipos de xénero lle negaban.

A situación a nivel mundial non era fácil. A finais do século XIX, en Inglaterra, naceran os primeiros equipos femininos. Durante a Primeira Guerra Mundial o fútbol feminino estendeuse tamén a Francia, mais o termino do conflito supuxo un brutal regresión polo veto dos homes ao querer reservarse a súa practica en exclusividade. A prensa e as organizacións, que estaban controladas por homes, aducían perda de feminidade e a carencia de capacidade física das xogadoras para poder practicalo.

Ninguén lle preguntara pola súa saúde cando, durante a guerra, desempeñaran traballos tan duros que algúns homes se terían negado, dicía Jeanne Brule, unha das loitadoras pola presenza da muller no deporte, nun escrito do que se fixo eco a prensa francesa e española en 1920 : «Mais á vez que vos damos infinitas grazas por tervos dignado, por fin; preocuparvos da nosa saúde, permítome dubidar da vosa competencia na materia, e suplícovos, amablemente reservedes os vosos consellos, emanados da vosa experiencia, para os vosos camaradas homes».

Ao ano seguinte, a Asociación Inglesa do Fútbol prohibiu o fútbol feminino. Na mesma liña a Federación Española de Fútbol non atendeu o fútbol feminino e vetouno ata os anos 60 sen recoñecelo ata 1983.

En 1925, María del Pilar, da revista Galicia, escribe un artigo eloxiando a figura de Irene. Pedía que o seu exemplo se estendese e animaba ás mulleres ao exercicio físico e ao estudo, nunha combinación que conduciría á igualdade de sexos. Non obstante, a figura de Irene seguiu sendo unha rareza. A prensa atacaba con dureza os intentos por normalizar esta actividade. En outubro dese mesmo ano, o xornalista de La Zarpa de Ourense anunciaba así o encontro que enfrontaría ás xogadoras belgas do Atlante e Bruxelas en Vigo, o primeiro entre equipos femininos que se viu en Galicia: «guasa por todo o alto e tomadura de pelo». Iso si, estimulábase á muller como espectadora por medio do pago de entrada reducida, asistencia aos palcos ou para facer o saque de honra.

Nesta situación e coa información coa que contamos, os partidos de fútbol feminino en Galicia foron eventos fugaces. As imaxes de mulleres futbolistas nesta época, parecen corresponder na súa maioría a actos festivos como o entroido, nos que esta transgresión estaba mellor considerada.

Tal é así, que o primeiro encontro de fútbol feminino na provincia de Ourense, do que temos constancia, celebrouse en xuño de 1967 no campo de Espiñedo, Carballiño, entre unha selección de xogadoras de Vigo e outra de Pontevedra. Catro anos máis tarde, en 1971, dous equipos de Ribadavia, o Estudiantes F. C. e o Barrio Judío C. F. disputaron o primeiro entre xogadoras ourensás.

Irene falecera en 1928 aos 19 anos, vítima da tuberculose, co respecto e homenaxe da súa profesión.