«Ourense. Anos 20». Monarquía

«Ourense. Anos 20». Monarquía

Monarquía

Funcionaron sempre ben como estratexia propagandística as viaxes rexias. Nelas difúndese unha imaxe de persoas amantes do seu pobo, achegadas e bondadosas. Son tamén un éxito na difusión nos medios de comunicación, no apoio das institucións e as masas.

O 29 de setembro de 1927, Afonso XIII vestía uniforme de Marina, coas catro insignias das ordes militares. Con enorme frecuencia acostumaba vestir así debido á súa admiración polo exército. De feito, tras baixar do tren na estación de Ourense o primeiro acto é a revista de tropas. Máis tarde inspeccionaría tamén o Cuartel, daquela no Convento de San Francisco.

Pola súa parte Victoria Eugenia de Battenberg vestía cun sinxelo vestido de ton rosa cuberto cun abrigo azul. Desde que ela chegou a palacio europeizou a moda e costumes. Desde entón todas as modas entraron en España pola Corte e non a pesar da Corte.

Ata a Catedral fixeron o recorrido en coche, mentres recibían a aclamación pobo. Ao chegar, axeonllaronse sobre almofadas de damasco e bicaron o crucifixo, para despois -baixo palio sostido por seis cóengos- penetrar na Catedral a asistir ao Te Deum. O xesto repetíase na igrexa de cada destino das viaxes rexias. A imaxe pública do monarca era a dun fervente e devoto católico, protector e garante da relixión. A partir de 1923 dentro do nacionalcatolicismo a súa fe e patriotismo son a lexitimidade da monarquía. Alfonso XIII sentíase cómodo á sombra do ditador.

As viaxes programábanse nos meses de verán. Acostumaban pasar esta temporada no norte e ademais garantíanse boas condicións meteorolóxicas. Así puido celebrarse no xardín do Posío un festival. O Orfeón entoou o «Negra sombra», escoitouse a gaita de Faustino Santalices xunto a De Ruada e Os enxebres completaron o cartel.

Coa Marcha real interpretada pola Banda Municipal dirixíronse cara á Deputación. Alí, un pouco máis tarde do habitual tomaron un té. Esta innovación do té das cinco, foi unha moda a imitación da inglesa Raíña Victoria, que o impuxo en Palacio. En realidade, non era máis que cambiar o nome á merenda, porque a aristocracia e burguesía continuou co seu chocolate con bolos na mesma hora.

En 1929 Afonso XIII decidiu retirarlle o seu apoio a Primo de Rivera. A primeiros de 1930 este decide dimitir e o rei nomea presidente ao xeneral Berenguer. O descontento coa actuación do monarca foi en aumento. Ortega y Gasset escribía: Delenda est Monarchia (a Monarquía debe ser destruída). En febreiro o almirante Juan Bautista Aznar, como presidente, convoca eleccións municipais.

O resultado en Ourense difire da tónica xeral do país, xa que a maioría das cidades e capitais de provincia votaron contra a monarquía, mentres que aquí se mantén o tradicional dominio conservador: 9 conservadores, 4 Unión Monárquica, 6 republicanos, 4 socialistas e 1 agrario.

O 14 de abril é proclamada a II República e Afonso XIII abandona o país o mesmo día, Victoria Eugenia un día despois. A institución monárquica fora substituída sen mediar violencia civil ou militar.

Anexo Tamaño
anos20_monarquia.pdf 23.95 KB