Noite tráxica
«A perda que hoxe chora o noso pobo é a das que nin se borra nin se extinguen». As palabras na prensa de Blanca Calvo resumían o sentimento da sociedade ourensá ante a catástrofe. Na madrugada do 8 de decembro de 1927 unha inmensa fogueira destruía gran parte do Centro Provincial de Instrución(hoxe Instituto Otero Pedrayo).
Acollía este edificio ao Instituto, a Escola de Maxisterio, a Escola de Artes e Oficios, o Museo da Comisión de Monumentos e a Biblioteca Provincial. Era un auténtico centro da cultura, cunha modélica xestión do espazo e gabinetes para todas as ciencias.
Desapareceron entre o lume códices, manuscritos, tombos, incunables e edicións preciosas de obras de arte. Preto de 30 000 volumes. Gran parte dos libros reunidos na Biblioteca procedían dos mosteiros de Oseira, Santo
Estevo de Ribas de Sil, Celanova, Melón, Montederramo e do Convento de San Francisco de Ourense.
A intervención valente dalgunhas persoas logrou pór a salvo algúns obxectos: Pérez Colemán, Rodríguez Bouzo, Otero Pedrayo e o secretario do Instituto resgardaron a documentación do Instituto e os cadros. Alumnos, obreiros e soldados do batallón lograron salvar os instrumentos e mobiliario de Física e Historia Natural. Modesto Vázquez, oficial de secretaría da Escola de Maxisterio salvagardou os expedientes do alumnado. Do Museo foron rescatados numerosos obxectos por Domínguez Fontela, Perille, Mancisidor, Rubín, Guitián Fábrega e Feijóo, mais perdeuse todo o arquivo da Institución e moitas pezas resultaron danadas.
Ás 24 horas do incendio recibíase o primeiro libro en doazón para a reconstrución da Biblioteca, fin para o cal se organizou eficazmente a sociedade nunha Xunta pro-Biblioteca. O edificio foi rapidamente restaurado. A Escola de Maxisterio e a de Artes e Oficios tiveron outros locais dispoñibles. Por contra, o Museo, cos seus fondos almacenados en baixos no mellor dos casos, precisou dúas décadas para encontrar unha nova sede.