Ocio
Consciente dos cambios que implicaba a vida moderna na cidade o pintor Fernand Léger declaraba en 1924:
«Nunca houbo una época tan ávida de espectáculo como a nosa. [...] Este fanatismo, esta necesidade de distracción a calquera prezo, son a reacción necesaria contra esta vida que levamos, dura e chea de privacións».
Ao longo e ancho da provincia existían sociedades que organizaban bailes e festas que se podían alongar ata a madrugada. Particularmente renomeadas foron as do Club de tenis e Liceo na cidade de Ourense.
O costume de «pedir parella» provocaba disturbios e pelexas nas festas populares, supuña ademais «unha vexación para a muller, privándoa do dereito de elección, indo duns a outros sen consultarlle a súa vontade», por isto nos festexos en que se celebrasen bailes debía fixarse o seguinte aviso:
DE ORDE DO SEÑOR GOBERNADOR CIVIL DA PROVINCIA QUEDA TERMINANTEMENTE PROHIBIDO PEDIR A PARELLA AOS QUE ESTEAN BAILANDO. TODO O QUE DESEXE BAILAR, DEBERÁ ELIXIR A SÚA PARELLA, SEN ESTORBAR, NIN MOLESTAR AOS QUE ESTEAN BAILANDO. A FORZA PÚBLICA ENCARGARASE DO EXACTO CUMPRIMENTO DESTA ORDE.
Así era de profundamente contraditoria a Ditadura. Aprobou diversas normativas que pretendían controlar certos hábitos pero á súa vez era permisiva cos espectáculos nocturnos lixeiros; que os había.
Paseábase moito, non tanto por exercicio senón por deixarse ver. Na década dos 20, recordaba o cineasta Carlos Velo, que na Alameda de Ourense «os mozos van e volven dunha parte e as rapazas camiñan na outra man». Tampouco había mestura de clases sociais coa parte central reservada para o «señorío».
O cine é unha das afeccións preferidas dos ourensáns. Deixou de ser unha atracción de feiras para exhibirse en salas ou pavillóns estables. A estrutura era de madeira e lata provocaba frecuentes problemas, como o incendio do Salón de variedades en 1914. Compartían espazo con outros espectáculos: teatro, concertos... No Salón Apolo de Ourense, por exemplo, puido verse a actuación da grande actriz Pearl White. Do mesmo modo, os teatros tradicionais tiveron que incluír as exhibicións cinematográficas dentro da súa programación. Os primeiros edificios destinados exclusivamente ao cine son contemporáneos ao desenvolvemento do cine sonoro na década dos 30: o Cine Principal en Verín de 1933, o Rialto da Rúa de 1935, o Coliseo Xesteira de 1941 en Ourense ou en 1942 o Cine Curros Enríquez de Celanova.