Sistema Bancario
Durante os anos da Primeira Guerra Mundial España podía considerarse un país case rico. A agricultura, industria e comercio beneficiáronse da neutralidade española grazas á demanda dos países belixerantes.
A bonanza económica vai ser administrada pola Banca privada que se converte no principal centro de decisión e actuación da industria. Polo contrario, carecía de regulación. Podía fundarse, establecerse, fusionarse e facer calquera operación sen límites, traballando coas tarifas que consideraba oportunas.
Como no resto do país, a banca ourensá nesta época adoece de preparación técnica. Son empresarios individuais, normalmente vencellados a unha familia burguesa. Ademais do Banco de España, operan neste momento en Ourense o de Viuda e Hijos de Juan Fuentes Pérez, Pedro Romero y Hermanos, Banca de Hijos de Simeón García y Cía., Banca Nogueira en Ribadavia, a Banca Cid en Verín e os foráneos Banco Hispano Americano, Banco de Vigo, Sobrinos de José Pastor e o Banco de La Coruña a finais da década.
1921 marca o cambio de tendencia cara unha grave depresión económica. Acabaron as exportacións extraordinarias e comezaron as suspensións de pagos, a máis sonada, a do Banco de Barcelona en decembro de 1920, que puxo en alerta sobre as deficiencias do sistema.
A solución pasaba pola Lei Cambó de finais de 1921 coa primeira regulación seria dos bancos privados, que obrigaba a pasar balances ao Banco de España, aumentaba as inspeccións e incrementaba os impostos. As medidas contribuirían principalmente a ofrecerlle garantía á clientela. Non obstante, para Ourense chegaba tarde. En maio de 1921, Pedro Romero y Hermanos, coñecida como Banca Romero, presentaba a suspensión de pagos. Supuxo unha conmoción tremenda para moitos ourensáns que perderían os seus aforros e inversións neste banco. Unha política de compras de bens e empresas erradas e un contrato de subministro co ferrocarril que non foron capaces de cumprir arruínaron a tesourería da firma. Non axuda, a desaparición do xerente da entidade, Daniel Romero, que permanece fugado ata que é detido en Tánxer en outubro de 1922.
A outra vítima dos problemas é a de Viuda e Hijos de Juan Fuentes Pérez. O nerviosismo polo suceso da Banca Romero fixo que lle retirasen moitos depósitos e se agravase a súa xa delicada situación. En novembro de 1921, entra en suspensión de pagos e finalmente a quebra en febreiro de 1923.
Entre a clientela damnificada, quizais o caso máis célebre é o de Ramoneca e Pichagris:
«Unha parella feliz que decidira afogar as súas penas en viño. Probaran fortuna en América e cando regresaron da Arxentina depositaron toda a súa fortuna, corenta mil reais, nun Banco que deu en quebra, e desde entón, cantando acompañándose do acordeón recorrían as rúas recollendo as dádivas dos ourensáns. Non tocaba ben, tiña unha man eivada, e cantaba peor, pero o que se premiaba eran os seus ditos e agudezas. Como o músico, facía vida bohemia, erguíase moi tarde, polo que moitas veces Ramona laváballe a cara no primeiro pilón que encontraba e secáballa co mandil. Os diálogos eran graciosísimos e a súa vida real vivida en plena vía pública, adquiría elevados matices de teatro espontáneo e popular que nunca vin superado.”
Ernesto Gómez del Valle, xornal La Noche, 1963
Nalgún caso sufriron unha década de espera, mais a maioría das persoas afectadas puideron recuperar o seu diñeiro.