Este anel atopouse en 1979, nas inmediacións da igrexa de Santiago de Allariz con motivo dunhas obras de remodelación da Praza Maior. Datado no século II, está realizado en bronce, ten un diámetro de 2,1 cm e está decorado cun galo mirando á dereita, inscrito nun círculo de puntos.
Os aneis teñen a súa orixe no mundo grego e etrusco e teñen múltiples e variados significados, segundo a época e o uso dado polo seu posuidor. Usábanse, igual que na actualidade, con fins estéticos, marcando o rango socioeconómico e xurídico do seu portador e, máis alá do mero adorno, cun carácter máxico-relixioso. Os exemplares máis antigos, enteiramente de metal, ferro, bronce, ouro, etc, carecen de pedras engastadas, que serán impostas pola moda posterior. Cabe destacar a gran variedade de motivos decorativos no seu adorno, neste caso centrado na figura dun galo, ave investida dun forte simbolismo como se fai patente en diferentes ámbitos culturais.
Este anel é unha proba máis da penetración da cultura romana nestas terras da Galicia interior, ó tempo que pon de manifesto que na reconstrucción do proceso histórico, hai que ter en conta non só a información que nos proporcionan as fontes literarias e as ruinas de grandes xacementos, senón tamén estes pequenos obxectos da vida cotiá, que os habitantes destes lugares usaban como adorno persoal.
Máis información na Peza do mes de xuño de 2002