Este aplique está elaborado mediante un proceso de fundición con moldes bivalvos e pertenceu a un recipiente utilizado para conter e transportar líquidos: un tipo de balde ou cubo con forma cilíndrica, oval ou troncocónica denominado sítula en latín. Este vocábulo xeneralizouse no ámbito arqueolóxico para definir a un recipiente metálico, polo xeral de bronce, que carece de pescozo e cuxa característica principal recae na utilización dun asa móbil para suxeitalo. A asa engánchase a dous apliques fixados á parede do recipiente mediante remaches ou soldaduras, estando cada un deles provisto do seu respectivo orificio circular e a súa decoración figurativa a modo de mascarón, xeralmente representando a personaxes masculinos barbados –algúns posibles retratos de divindades, como Xúpiter/Amón, Océano ou os deuses Lares– ou, mesmo, a figuras mitolóxicas como sereas, grifos, esfinxes, gorgonas ou vitorias. As asas das sítulas adoitaban ter forma de omega cos seus extremos voltos cara arriba e rematados de diferentes modos: en cabezas de cisne estilizadas ou nunha punta, máis ou menos afiada, lisa, decorada ou enrolada en espiral. Así mesmo, a base do recipiente podía repousar sobre varios pés de apoio para manter a súa estabilidade.
Procedente do Castro de San Millán e datado no século IV d. C., este soporte de sítula ten forma elíptica e, na súa parte superior, dispón dunha argola cunha perforación circular pola cal se introduciría a asa destinada a suxeitar o caldeiro. Na cara anterior, entre os orificios destinados á súa fixación, apréciase en relevo unha cara humana cos seus trazos definidos dun modo moi esquemático e un tanto andróxeno: un peiteado representado a base de liñas incisas ben marcadas, uns ollos acentuados con axuda dun punzón, un pronunciado nariz de forma triangular e unha boca apenas delineada cunha incisión.
As investigacións sobre o Castro de San Millán (Cualedro, Ourense) ocuparon varios anos de intensa actividade a F. López Cuevillas e a X. Taboada Chivite; nel realizaron tres campañas de escavación arqueolóxica en 1952, en 1954 (na que se atopou este aplique de sítula) e en 1955. En 1982, retómanse as escavacións baixo a dirección de F. Fariña Busto e X. Rodríguez González.
Máis información no Catálogo da exposición Na procura do pasado. Orixe e desenvolvemento da arqueoloxía en Ourense, organizada en 2016 polo Museo e na que se amosou esta peza.