Esta arracada foi descuberta en 1924 por Benito Saburido ao cavar unha gabia na paraxe coñecida como Albariño en Vilar de Santos (Ourense) e deuna a coñecer Florentino López Cuevillas en 1939. Trátase dunha extraordinaria mostra de ourivería dos séculos III-II a. de C., na que se detectan os diferentes aportes culturais que definen e caracterizan esta xoia da cultura castrexa. A peza executouse a partir dunha lámina de ouro -procedente de río a xulgar polas impurezas que presenta, sobre todo de estaño- sobre a que se engadiron os elementos decorativos que a singularizan.
Este fermoso pendente é un exemplo das influencias, tanto atlánticas como mediterráneas, que recibía o noroeste da península, no que respecta a aspectos técnicos, destacando a técnica da filigrana e o granulado, ou como amosan os motivos característicos doutras culturas que o decoran, entre eles a curiosa figura dun patiño situada na súa parte inferior. A lúa crecente, os prótomos de ave do amarre e o parrulo do vértice inferior remiten a cultos astrais. Este interesante simbolismo, unido á calidade técnica e á riqueza decorativa, converten a arracada de Vilar de Santos nunha das pezas máis singulares da produción artística castrexa.
Máis información na Peza do mes de maio de 2004