Peza do día: Coitelo “tipo Simancas” do Conxunto arqueolóxico natural de Santomé

Peza do día: Coitelo “tipo Simancas” do Conxunto arqueolóxico natural de Santomé

#aculturasegue

Esta peza inaugurou en 1999 a “Peza do mes” que hoxe en día segue publicando dixitalmente o Museo para o estudo e divulgación dos seus fondos arqueolóxicos, artísticos, documentais ou bibliográficos.

Este coitelo é característico da cultura material tardorromana da Meseta, que alcanza o NW como un elemento máis das relacións entre ámbalas dúas áreas. O coitelo “tipo Simancas”, considerado durante moito tempo un dos elementos máis emblemáticos das denominadas “Necrópolis del Duero”, consta de dúas partes: o coitelo propiamente e a vaíña. O coitelo é sempre de ferro, formando unha soa peza a folla e o espigón. Caracterízase por ter un lado curvo e afiado, cun escote na zona máis próxima ao mango, e o dorso recto, sen corte e máis groso. O mango ou empuñadura, que non se conserva, podía ser de bronce, ferro, óso ou madeira e iría suxeito á folla por medio do espigón. A vaíña ten dúas partes: unha funda de coiro ou madeira e unha prancha de bronce dobrada sobre sí mesma, que enmarca a vaíña a modo de armazón exterior. Na de Santomé, soamente se conserva a parte desta cantoneira correspondente ao lado recto do coitelo, decorada cunha especie de festonado na beira. As dúas partes estaban unidas por un vástago en S con argolas, polas que pasaba unha cinta para suxeitar o cinto. Leva, a modo de conteira, un remate inferior decorado cunha esfera que vai unido ao corpo da vaíña por dúas molduras.

A presenza desta peza en Santomé, no ambiente dun poblado rural agrícola-gandeiro ao que non se lle supon ningunha funcionalidade militar reforza a hipótese de que estes utensilios, que posiblemente na súa orixe tiveron unha finalidade relacionada co mundo do exército, pasaron ao mundo civil converténdose en objectos de uso cotián, con fins venatorios, e como tales serían empregados polos diferentes grupos sociais que poboaron a Península na tardorromanidade.

Máis información na Peza do mes de febreiro de 1999