Cunca de terra sigillata marmorata da forma Drag. 29, con bordo aberto e carena ben marcada. O bordo está conformado externamente por tres elementos: labio e moldura decorada con rodiña, con acanaladuras, e moldura tamén decorada con rodiña, levando tamén internamente unha acanaladura. Segue unha ringleira de perlas, ben marcadas, dando paso a unha decoración disposta en dous frisos: no superior presenta unha sucesión de grilandas compostas por tallos e rematadas por motivos florais, nun dos lados, e no inferior, óvalos de cabeza semicircular e nervios no perímetro externo. Ambos os dous frisos están separados por unha moldura decorada con rodiña, franqueada por liñas de perlas. Pasta de cor rosada e acabamento característico da marmorata, que é unha variedade de terra sigillata sudgálica, que recibe ese nome por presentar un aspecto externo de cor amarela con vetas, recordando a textura do mármore.
Desde o momento en que se empezou a utilizar a cerámica, no neolítico, coñécense técnicas de reparación destes vasos, por tratarse dun material fráxil, de fácil fractura. Esta peza presenta quince buratiños con restos de lañas de bronce.
Foi descuberta no xacemento de Castromao, na campaña de 2007, dirixida por Luís Orero Grandal.
Máis información na Peza do mes de decembro de 2016