As cerámicas de mesa romanas foron e son na actualidade un dos instrumentos máis importantes cos que conta o arqueólogo para datar as unidades estratigráficas resultantes de toda escavación e entre elas, dentro da cerámica fina, foi sen dúbida a terra sigillata a que tivo unha maior implantación. Este mesmo feito ocorre tamén nos estratos romanos da Igrexa Vella de Xinzo de Limia onde, fronte á considerable presenza de terra sigillata, dáse a instauración moito menor da cerámica de paredes finas, só documentada nos estadios finais dos estratos altoimperiais; pero non por iso menos relevante á hora de integrarmos a súa presenza no discurso da interpretación histórica.
Trátase dunha cunca correspondente á forma Mayet XLIV (que se realizaban case en exclusiva nos talleres instalados nos arredores de Mérida), con corpo de perfil redondeado, bordo de 8 cm de diámetro con labio fino, arredondado e marcado só o exterior, de pasta ocre abrancazada, corte rugoso e cun engobe exterior e interior de consistencia moi lixeira, alaranxado e homoxéneo e nada irisado. O grosor da súa parede oscila entre 0,25 e 0,39 cm e presenta as estrías do torno ben visibles no interior, mentres que ó exterior aparece decorado con lúnulas pouco marcadas feitas á barbotina. A medida que se avanza no tempo, estas pezas engrosan as súas paredes, as pastas vólvense pouco amasadas, as lúnulas cada vez son menos marcadas e o labio da peza tamén se volve máis fino; trazos todos eles que están presentes na peza da IgrexaVella. Por iso estariamos xa ante pezas non de boa calidade senón máis ben de fabricación descoidada, que mellor deberiamos denominar “de imitación” de paredes finas emeritenses e cronoloxicamente relacionadas cun momento avanzado da produción, que cabería situar no segundo terzo do século II d. C.
Tendo en conta o carácter tardío das pezas de Xinzo parece lóxico que a súa chegada ata o noroeste aproveitase o pulo comercial derivado da promoción urbanizadora e romanizadora flavia, onde as xa ben consolidadas vías interiores permitirían a fácil distribución de pezas procedentes, entre outros puntos, da Lusitania e da súa cabeceira. Orixe na que o camiño puido ser, ben a mesma Vía da Prata, ben as vías XVII e XVIII, que partindo de Braga –que podería así actuar como redistribuídor para o interior das producións emeritenses– se dirixían cara a Astorga.
Máis información na Peza do mes de setembro de 2013