Fíbula do tipo coñecido como cruciforme ou de bésta. Presenta un pé recto que cobre o enganche da agulla, aberto nun lateral, un arco semicircular (o que fixo que nalgúns momentos se denominasen fíbulas en P) con sección trapezoidal, e unha cabeza formada por un brazo transversal que remata en senllos apéndices bulbosos; un terceiro bulbo sitúase ao final do eixe da agulla, que se suxeita por un pasador colocado no brazo transversal. Na parte superior do pé aparecen unhas pequenas e esvaecidas volutas simétricas, e no brazo transversal hai tamén un aplique, a ambos os dous lados do arco, con perforacións nas que iría no seu día algunha cadeíña, como coñecemos noutros exemplos e por algunhas figuracións pictóricas ou escultóricas. Realizada en bronce, ten unhas medidas de 9 x 6 cm e conserva restos de ter sido sobredourada.
Trátase dunha fíbula de tipoloxía tardía (século IV) e de importación, non moi abundante na península ibérica, ainda que sí frecuente noutros territorios do Imperio. Na provincia ourensá, ademais desta, procedente da mansio de Aquis Querquennis, contamos con outro exemplar moi similar, aparecido nas termas do xacemento de Baños de Ríocaldo. O feito de que moitas destas pezas estean sobredouradas, outras realizadas con metais preciosos, e incluso que algunhas teñan inscricións ou imaxes de bustos -identificados como retratos da familia imperial-, reforzou a interpretación de seren obxectos de luxo, indicativos de distinción. Testemuños das mesmas aparecen en obras escultóricas ou musivarias da época que representan a altos dignitarios imperiais e ao propio Emperador. A súa presenza vinculouse tamén á de mandos do exército, xa que pezas deste modelo utilízanse a finais do Imperio para suxeitar o manto militar ou paludamentum.
Máis información na Peza do mes de xuño de 2003