O termo “phalera”, de orixe grega, foi usado polos romanos para designar cousas diferentes aínda que vinculadas entre sí, en tanto en canto serve para definir obxectos metálicos ornamentais relacionados co exército. Trátase pois dun vocábulo polivalente, que fai referencia ao disco metálico decorado con diferentes motivos e ornamentacións iconográficas, do que se poden sintetizar dúas funcións básicas. Unha delas formando parte das gornicións dos cabalos, ben como simples obxectos decorativos pendendo das gornicións, ou servindo como pezas de unión das correas que forman os arreos. Outra das súas funcións era a de servir como condecoracións militares. Tampouco debemos esquecer que o nome tamén se lle aplicou a unha xoia feminina, que por levarse colgada do pescozo, recordaba o aspecto das “phalerae”.
En concreto, a utilidade da peza que nos ocupa parece estar relacionada co complexo mundo das condecoracións militares, “dona militaria”.
As “phalerae” aparecen mencionadas en moitas inscricións e decorando monumentos funerarios, xunto a outras condecoracións como as coroas e os brazaletes. Sen embargo, aínda que non foi posible determinar con exactitude o rango que ocupaban entre o resto das condecoracións, nin en qué circunstancias concretas se concedían, parece admitido que lles eran outorgadas aos simples soldados e a outros militares ata o grao de centurión.
Ésta foi atopada na Cidá do Castro de San Millán en Cualedro. Trátase dunha placa cuadrangular con catro argolas circulares nos ángulos, unidas entre si mediante catro pares de arquiños en forma de ferradura que servían para as correas. Na parte central o disco toma forma antropomorfa, mostrando un mascarón feminino de trazos esquemáticos en ríxida disposición frontal, cun peiteado de grandes ondas lonxitudinais e toucado por un veo que segue a moda do século III ou posterior.
Máis información na Peza do mes de outubro de 2000