Do conxunto arqueolóxico-natural de Santomé proceden trece fragmentos de vidro verde azulado correspondentes a un ungüentario de tamaño grande –tipo frasco ou redoma– con borde aplanado, colo cilíndrico e corpo piriforme, se ben o seu aspecto actual é resultado da restitución formal derivada tanto do pegado dos xa citados fragmentos conservados como da reintegración das lagoas existentes con poliéster.
No mundo romano os homes e mulleres dedicaban unha parte importante do seu tempo ó coidado do corpo, onde xenéricamente debemos incluír o aseo, a cosmética e a medicina e para o cal dispuñan de numerosos ungüentos, productos de beleza, perfumes, tinguiduras, pomadas, colirios, drogas e aceites para masaxe. Son os medicamenta-aromata ós que as fontes literarias se refiren con certo detalle. E os vidros polo seu carácter non poroso ou impermeable –que impedía que os contidos tomasen o sabor do contedor–, e pola súa facilidade de limpeza –non deixando sabores previos unha vez limpo– eran, e seguen sendo hoxe, o contedor ideal no ámbito da perfumería.
Nos contedores de perfumes podemos distinguir dous grandes grupos en función das capacidades: os balsamarios que non permiten unha capacidade superior ós 10 ml e os unguentaria que podrían conter ata 50 ml. Neste segundo grupo é onde se enmarca o recipiente de Santomé que ademais por superar os 10 cm de altura –14’7 cm– debera recibir mellor a denominación de frasco ou redoma mentres que o termo ungüentario –ou balsamario– se ven hoxe reservando especificamente para os obxectos non superiores a 10 cm de altura. Neste último caso estaríamos, pois, ante recipientes destinados tan só a conter productos relacionados co coidado do corpo –aseo persoal e/ou medicina–, mentres que no caso dos frascos ou redomas, como a de Santomé, nos atopamos con pezas que se sitúan a cabalo entre o mundo da cosmética, da medicina ou do servicio de mesa.
Máis información na Peza do mes de xuño de 2004