AMULETO FÁLICO

A peza consiste nun amuleto fálico elaborado en ámbar do Báltico, concibido para o uso individual a xeito de colar. Aínda que en museos españois se conservan numerosos exemplares semellantes, non é habitual que aparezan tan ben contextualizados. Neste caso, o achado procede da campaña arqueolóxica de 2015 en Aquae Querquennae.
O amuleto presenta unha morfoloxía moi sinxela: unha liña incisa delimita o glande do corpo e os testículos, mentres que unha pequena perforación central permitía levalo pendurado. Estes obxectos tiñan habitualmente unha función profiláctica, pois considerábanse eficaces contra o mal de ollo e a envexa. Así mesmo, portábanse como protección nas viaxes, tanto en vida coma no tránsito ao máis alá, o que explica a súa frecuente presenza nos bens funerarios.