COMPOSICIÓN DE LETRAS CAPITULARES

COMPOSICIÓN DE LETRAS CAPITULARES

Xaneiro 2026
-
Eva María Tobal Oubiña

Os recortes de letras capitulares que hoxe se conservan no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense proceden de libros monásticos dos séculos XVI e XVII. Estas letras, realizadas con gran calidade técnica e seguindo modelos caligráficos como os de Juan de Icíar, permiten coñecer os materiais, as tintas, as cores e os métodos de traballo de escribas e iluminadores, así como reconstruír parcialmente libros hoxe desaparecidos.

O recorte relaciónase co incendio da Biblioteca Provincial de Ourense en 1927, que destruíu a maior parte dos fondos históricos. No contexto da devastación e da ausencia de técnicas modernas de conservación, estas mutilacións puideron entenderse como un intento de salvamento, posiblemente vinculado a Xoaquín Lorenzo, Xocas. Aínda que a práctica é polémica, as capitulares conservadas constitúen hoxe un valioso testemuño das bibliotecas monásticas perdidas e da complexa historia da conservación do patrimonio cultural galego.