Guerreiro de Armea

Guerreiro de Armea
Guerreiro de Armea
Comentario

Fragmento dunha estatua de guerreiro, da que só se conserva o torso, algo mutilado e cortado xusto por baixo do cinto.

Ten as características iconográficas de tódalas estatuas de guerreiros galaicos: figura ergueita cos brazos pegados ao corpo, aínda que o esquerdo está mutilado xusto por debaixo dos brazaletes; a man dereita, ao mesmo tempo que sostén unha espada de folla ancha e alongada, de tipo "parazolium" repousa no escudo. Leva unha coiraza, da que teñen desaparecido os bicos superiores; aínda que moi erosionada, vese unha liña vertical que corre polo centro do peito e, sobre todo, polas costas. A camisa remata nos brazos a media manga, por riba dos brazaletes ou "viria", que están formados por tres ou catro toros, segundo sexa o brazo esquerdo ou o dereito. O cinto está formado por dous baquetóns ou toros lisos paralelos, e non se manifestan restos de presillas de suxeición.

O escudo ou "caetra", redondo, está completamente liso, sen sinais de inscrición ou decoración e seu umbo destaca lixeiramente. Por detrás das costas non se sabe como remataría, pois na parte da cintura ten unha profunda abrasión.