Sen título (CE003942)

Sen título (CE003942)
Sen título (CE003942)
Comentario

Consta dunha longa folla de dobre gume e unha empuñadura calada tripartita. A folla, de sección lenticular e cuxa máxima anchura dáse preto da punta, presenta unha suave nervadura ou crista axial de reforzo, máis acusada no extremo proximal, e conserva partes co fío biselado. Na zona de unión coa empuñadura conserva nun dos cantos un delicado motivo de espiga como elemento decorativo. A empuñadura, á que se fixarían en orixe unhas cachas de óso ou madeira mediante cravos, estaría composta por garda, fuso e pomo. O fuso é rectangular, con rebordes laterais e tres orificios dispostos lonxitudinalmente -probablemente tería algún máis como parece indicar a zona de rotura na lingüeta que fixo desaparecer tamén o pomo-; a garda, de contorno en V pechado, ten tamén rebordes e tres orificios para remaches en cada lado.

Foi fundida en molde bivalvo e posteriormente forxada. Os buracos foron feitos por perforación, aínda que posiblemente se tivera conformado en molde unha zona máis adelgazada onde situalos. Os buracos dispostos na garda amosan restos de metal desprazado pola perforación nunha das caras. A folla foi traballada por forxa, conformando un suave nervio central e un biselado simple nos fíos. E posible que o tratamento térmico trala forxas sucesivas non fora dabondo para a homoxeneización do metal, polo que as tensións provocadas orixinan varias estrías transversais á folla, así coma fisuras (observables a lupa). Algunhas destas fendas son anteriores ao proceso corrosivo e varias aparecen en ámbalas dúas faces, polo que constitúen posibles liñas de fractura. O acabado xeral é puído e a superficie presenta unha forte abrasión lonxitudinal. Aínda así, obsérvanse algúns poros produto de problemas de desgaseado no proceso de coado.

Está incompleta, faltándolle un anaco no extremo da lingüeta, e encóntrase fracturada en dúas partes á altura do cuarto inferior da folla. As múltiples fendas transversais están especialmente afectadas pola corrosión. Está cuberta por unha pátina verde escura.