Sen título (CE004176/1)

Sen título (CE004176/1)
Sen título (CE004176/1)
Comentario

Trátase dun copón ou píxide realizada en cobre dourado - tanto a superficie exterior como a interior estiveron chapadas en ouro como se percibe en pequenas zonas - decorada con esmalte escavado ou "champlevé" en pasta opaca de cor azul e branca. A caixiña de forma cilíndrica na súa parte inferior ten unha tapadeira cónica que se supón noutrora rematada por unha cruz, que hoxe lle falta. A tapadeira está unida ao corpo por un gonzo e o peche realízase por medio dun pasador que encaixa en dous tocóns furados. O seu esquema decorativo estrutúrase en catro medallóns, dispostos dous a dous no corpo inferior e dous na parte da tapadeira. Cada un deles presenta no seu interior o anagrama IHS, cunha pequena cruz de brazos iguais aos pés, coroado por un signo parecido á unha omega. Obedece a unha tipoloxía moi común como o demostra a gran cantidade de pezas que se conservan en distintos museos e, ata o concilio Vaticano II, en non poucas igrexas rurais.