Sedente de Pedrafita

Sedente de Pedrafita
Sedente de Pedrafita
Comentario

Representa unha figura sentada nun trono á que lle falta a cabeza. É simétrica, frontal, hierática e aparentemente basta. Viste unha sinxela túnica sen cinguir que, sen deixar adiviñar a súa anatomía, chega por debaixo dos xeonllos. As pantorrillas simétricas, ben moldeadas e lixeiras, contrastan coa sensación cúbica e de pesadez que transmite o resto da talla. Os pés, dos que só se conserva o dereito, non nos permiten saber se vai ou non calzado xa que, a diferenza das mans, os dedos non están sinalados. Como únicos adornos da súa indumentaria leva en ambos pulsos un aro ancho a modo de pulseira que contribúen a dinamizar en algo a postura ríxida dos seus brazos, que sosteñen un recipiente de libación entre as súas mans.

A figura séntase nun trono de gran exuberancia formal, decorado con motivos de dentes de lobo nos traveseiros laterais e cun trisquel no respaldo, motivo recurrente en toda a plástica castrexa, e cremos que empregado aquí para acentuar o valor simbólico que comporta o trono, emblema en todas as culturas antigas da divinidade dos deuses, dos homes de alta linaxe, ou dos mortos divinizados, ata o punto de acadar por si só o carácter divino ou real, e así indicarnos con isto o que está a representa a figura.