A escuadra hispano-francesa de Levante, a quen lle fora encomendado o rescate de Xibraltar e bater os ingleses, conectou co almirante Rooke á altura de Málaga. O encontro foi inevitable; á mañá do 24 de Agosto, domingo, íase desenvolver a máis importante e espectacular batalla naval de toda a guerra. As tropas francesas falan da paridade de forzas, as inglesas fan moi superior o número de navios franceses. O certo é que o combate se iniciou a media mañá, prolongándose durante 13 horas e ocasionando graves perdidas en ambos os dous bandos, aínda que ningún buque por ambas as dúas partes, resultase afundido.O propio conde de Toulouse, xefe da frota hispano-francesa, resultou ferido. Ambas as dúas escuadras consideráronse vencedoras e retiráronse á mañá seguinte, destinándose unha parte destas a apoiar a acción dos seus respectivos exércitos que en terra se dispoñían ao ataque e defensa de Xibraltar respectivamente. Esta sería xa a última ocasión en que os franceses levarían a iniciativa de ao campaña na súa disputa cos ingleses sobre o dominio naval do Mediterráneo.