Sen título (CE000008)

Sen título (CE000008)
Sen título (CE000008)
Comentario

Capitel correspondente a unha columna exenta con figuras esculpidas en relevo (bulto redondo). A transición da forma prismática rectangular do ábaco á circular da cesta faise mediante un plano circular que sobresae lixeiramente e tamén mediante a asisada colocación nos ángulos dunhas follas trilobuladas, abertas e moi naturalistas. No relevo da cesta, na súa cara principal e ergueitos, amósasenos a escena do Lavatorio dos pés. No resto das caras do capitel aparecen as figuras de oito dos apóstolos representados en grupos de dous, afrontados; sentados todos menos dous, que amosan nos ángulos a súa cabeza. As caras son redondeadas con rasgos doces e expresión viva. O tratamento das vestiduras lévase a cabo nas dobreces das mesmas mediante liñas paralelas, curvas e angulares.

O autor do capitel, quizais por falta de espacio, para poder representar a tódolos apóstolos, recurriu a simboloxía dos seus atributos para así poder facelos constar: a esquerda de S.Pedro represéntase a concha de peregrino de Santiago Apóstolo. Non se logra descifrar a identidade plena dos apóstolos, aínda que algunhas figuras como a que suxeita o libro podería tratarse de San Xoán evanxelista, e tal vez Santo Tomás fose a figura que parece sinalar con dedos o costado doutra figura, aludindo a "duda" do santo.