Sen título (CE000014)

Sen título (CE000014)
Sen título (CE000014)
Comentario

A estrutura xeral deste capitel é de orde corintia. O cálatos presenta a sucesión normal de dúas coroas de follas de acanto, bastante ríxidas e que configuran case a totalidade do capitel. As follas da primeira coroa son máis esquematizadas, sen que sexa posible apreciar demasiado nelas a articulación dos lóbulos que as constituirían. As follas da segunda coroa, de maior proporción e máis amplas, teñen unha disposición trilobulada das follas, pois a parte superior central das mesmas está percorrida verticalmente por unha estreita nervadura central, avultada, trazada de maneira basta e pouco efectista, aínda que se disculpa coa decoración central das follas mediante incisións dispostas de maneira simétrica a modo de palmeta e pequenos puntos de trépano. As follas de acanto que constitúen ámbalas dúas coroas, están bastante adheridas ao cálatos, afastándose soamente no ápice da folla que ten forma redondeada, dando unha sensación de labra de contornos redondeados, non logrando evadirse por completo do concepto de bloque. A parte inferior cilíndrica do capitel está labrada e adornada con debuxos e con motivos xeométricos e un talo ondulante a modo de follas ou zarcillos aínda que sexa de maneira simple ou esquematizada, pero de pleno sabor orientalizante e tamén de pequenos puntos de trépano. Carece de colariño funicular tan peculiar e común nos capiteis mozárabes.