Sen título (CE000177)

Sen título (CE000177)
Sen título (CE000177)
Comentario

Escudo de armas de don Diego de Zúñiga Soutomaior, acuartelado: 1º de prata, barra de ouro e, brochante ao todo, cadea de oito elos de sable; 2º, de sinople, cinco vieiras de prata en aspa; 3º, de azur, león de ouro rampante e coroado; 4º, de ouro, tres faixas xaqueladas de ouro e goles, de catro ordes, cargada cada unha dun cingueiro de sable, superado dun capelo de sinople e, saindo do seu forro, dous cordóns que forman dobre lazada sobre o ancho do escudo e descende por ámbolos dous lados, rematando cadanseu nun entrelazado de seis borlas colocadas 1, 2 e 3. Conserva restos de pintura orixinal. Máis polo miúdo, o primeiro cuartel, de prata, corresponde ás ramas dos Zúñiga, curiosamente aquí modificadas, xa que a banda non é tal, senón barra ou contrabanda e os esmaltes parecen cambiados na presentación, pois a barra é de ouro e cadea de sable, a xulgar polos restos de pintura conservados. O último cuartel tamén se corresponde coas armas da súa liñaxe como sinala Fariña Couto. O segundo é unha representación particular, de raigaña xacobea: de sinople, 5 vieiras en aspa, armas dos Sequeiros, como di Santiso tamén con esmaltes varios, ou tributo ao Cabido no que era cóengo no momento da súa elección episcopal. As vieiras, xa na heráldica francesa e inglesa no s. XIII, están relacionadas coa peregrinación xacobea; é revelador neste senso, que os escudos dos pazos navarros con veneras estean ao carón do camiño de Santiago, como lembra Menedez Pidal, e son habituais nesta disposición, xa que así figuran no escudo dos Pimentel e Condes de Benavente, mesmo coas características dos esmaltes. O terceiro é o respecto obrigado ao Rei que o propón, incluíndo o león nas súas armas, aínda que G. Santiso di que son dos Silva, ao describir as armas que aparecen en Santa Domingos de Tui, en dous bloques, que deberon ser os soportes da súa tumba, tal e como están hoxe, no novo emprazamento que se lle fixo, seguindo a descrición que fai cos esmaltes que lle atribúe Crespo Pozo e que non coinciden cos restos das pinturas conservados nesta peza do Museo de Ourense como se dixo, xa que describe aqueles como: en campo de azur, cinco vieiras de ouro, que é Sequeiros; en campo de prata, banda de sable resaltada dunha cadea de ouro, Zuñiga; terceiro de prata, tres faixas xaqueladas de ouro e goles, separada cada dúas dun cinxidor de sable, Soutomaior, e cuarto, de prata, león rampante de goles coroado de ouro, Silva.