Inmaculada

Inmaculada
Inmaculada
Autores/as
Juni, Juan de
Comentario

A escultura representa á Virxe co libro aberto na man esquerda, faltándolle a destra, onde portaría o ramo de azucenas como símbolo da súa pureza. A cabeza, de forma redondeada, asentada sobre potente colo, aparece ladeada, cos ollos entornados e espesos cabelos ondulados dispostos de modo que deixan ver a orella esquerda; por detrás cóbrese cunha touca anoada sobre o peito, onde loce unha xoia redonda das habituais en Juni. As roupaxes, como elemento fundamental de expresión, envolven á figura, distribuíndose en grandes masas de quedos e avultados pregues que determinan esas formas redondeadas, correspondentes ao acougo expresivo do último período de produción do imaxineiro castelán. Non falta nesta talla o característico movemento helicoidal, centrípeto, moi manierista; a cabeza inclínase cara á esquerda mentres a perna dereita avanza profundamente en sentido contrario, descansando sobre a media lúa e unha serpe de grosas espiras. A parte traseira da imaxe a penas está traballada non restándolle, sen embargo, o valor de vulto redondo. A excelente calidade da imaxe refórzase co dourado da policromía nas roupaxes e nos cabelos, e o tratamento das carnacións que, resoltas en mate, contribúen a acadar a súa expresión final de acentuada naturalidade.