Santa Catarina de Alexandría

Santa Catarina de Alexandría
Santa Catarina de Alexandría
Comentario

Escultura de porte maxestuoso e acusada verticalidade. A Santa aparece toucada con coroa e portando o libro, faltándolle o atributo da espada. Ataviada con túnica pegada ao talle, marcando unha suave anatomía con pregues de proxección lineal e agrupados en abano sobre a perna que repousa na cabeza do rei Maximiano. Rostro de duras faccións con intensa policromía nas carnacións, que na cabeza do rei tradúcense en trazos que raian no grotesco. A historicidade de Catarina é moi dubidosa, pois o seu nome non figura en ningún texto da antigüidade cristiá, nin litúrxico nin literario. A lenda descríbea como unha muller fermosa, intelixente e culta, procedente dunha familia nobre de Alexandría (Exipto), que se nega a casar co emperador Maximiano a causa do seu «matrimonio místico» con Cristo. A súa virxindade asóciase tamén ao nome, derivado do grego katharos, que significa puro. Sostén victoriosamente unha disputa con cincuenta filósofos enviados polo pagán Maximiano para demostrarlle a inanidade da fe cristiá. Furioso, o emperador envía aos filósofos que catarina converteu ao cristianismo á fogueira e ordena que ela sexa desgarrada por unha roda chea de puntas, que milagrosamente se quebra ao tocar o corpo da muller, quen finalmente morre decapitada arredor do ano 307. A súa festa celébrase o 25 de novembro (suprimida coa reforma que fixo a igrexa católica do calendario en 1969).