Sen título (CE000289)

Sen título (CE000289)
Sen título (CE000289)
Comentario

Anxo músico, tocando o cornetto, asentado sobre unha peaña de nubes ondulantes. O xiro do corpo a súa dereita, en contraposición á postura dos brazos que suxeitan o instrumento, proporciónalle un movemento inestable, subliñado polas roupaxes quebradas e angulosas que descobren unha das pernas, imprimindo á figura harmonía e movemento. Mostra trazos faciais ben marcados e definidos, minuciosa talla dos cabelos rizados e coidada anatomía de suave modelado e «gordechas carnes», así como graza na delicada postura dos dedos e nas meixelas inchadas mentres executa a interpretación musical. A policromía da túnica está realizada coa técnica do estufado, a base de motivos vexetais sobre o fondo verdoso das teas. Aínda que non se coñece a súa procedencia, este pequeno anxo músico, tal vez formase parte dun grupo dedicado á Virxe. A partires do s. XIV numerosos temas, ata entón a penas tratados na escultura de vulto redondo, desenvólvense xogando un papel esencial nos programas iconográficos. As figuras dos anxos están a miúdo presentes nos temas da «glorificación divina». Entre os mesmos destaca a modalidade dos anxos músicos, asociados frecuentemente a coroación da Virxe María, facendo soar diversos instrumentos musicais, contribuíndo ao gozoso esplendor da escena. Non sempre levan a súa característica esencial, as ás, símbolo da capacidade de desprazamento entre o ceo e a terra, e case sempre van descalzos como símbolo de pureza. No Apocalipse de S. Xoán, os anxos forman parte activa tocando tubas e frautas. Tamén é frecuente a participación dos mesmos nas escenas do Nacemento de Xesús, xustificada a súa presenza polo gozo e os cánticos de louva, tal como se indica no Evanxeo.