Sen título (CE000380)

Sen título (CE000380)
Sen título (CE000380)
Comentario

Trátase dunha pequena placa de marfil de cor branca brillante no anverso e amarelenta, pola acción da luz e a temperatura, na que está representada a Virxe gloriosa co Neno. A escena desenvólvese dentro dun espazo sacro con todo os elementos que caracterizan á arquitectura gótica. A Virxe María co Neno, amparada por dous acólitos que portan cálices, a modo de parteluz, dividen a escena como nas portadas góticas, mentres que un friso de dobre arcada oxival con decoración de gabletes, crochets e pequenos pináculos acubillan as imaxes como se dunha catedral gótica se tratase. Baixo esta, completando a escena, dous anxos turiferarios perfuman con incenso o espazo.

A figura de María, pese ás súas reducidas dimensións, amósanos toda a súa humanidade, como unha nai real e íntima, sorrí ao Neno mentres inclina a cabeza para que este, coma un neno de verdade xogue cos seus cabelos. Non só é humana a súa actitude senón que o seu corpo, abaneándose lixeiramente, deixa caer o manto en elegantes pregues que recolle por debaixo do Neno, no seu brazo esquerdo.

A escena está enmarcada por un pequeno listón liso, conservando nun dos seus lados as fendeduras de dúas fallebas, a inferior parcialmente rota, signo inequívoco da súa condición de folla dun díptico.