Sen título (CE000669)

Sen título (CE000669)
Sen título (CE000669)
Autores/as
Mestre de Sobrado
Comentario

Pequena táboa de tríptico que debeu formar parte dun pequeno retablo de historias da Paixón de Cristo.

A parte escultórica ten unha tendencia corpórea na concepción da figura e o particular "pathos" que a alenta, acusando o expresionismo dramático, é fácil de recoñecer no tipo fisionómico da Virxe, así como no seu dominio da posta en escena. A figura, pensada para suscitar a compaixón, é unha "imago pietatis". Totalmente velada, María represéntase de pe, cos pés sobre o montículo rochoso do Gólgota, integrada no marco arquitectónico dun nicho que contribúe a suxerir dous planos e por tanto profundidade. O drapeado, ampuloso e de abondosos pregamentos quebrados, é moi característico do escultor, articulándose de forma rítmica seguindo o movemento de torsión do xeonllo, nun violento contraposto manierista. A "compassio Mariae" plásmase na expresión de dor do rostro, cos ollos entreabertos, e na tensión dramática do xesto.

Mentres, as pinturas das portas no anverso completarían o programa iconográfico ca Anunciación do arcanxo San Gabriel a María.

María está axeonllada lendo a Biblia aberta sobre o reclinatorio. Como consecuencia do pequeno formato da táboa, a técnica é minuciosa, prestando atención á reprodución dos detalles, como mostra a indumentaria e a procura dunha beleza elegante no atavío da Virxe, con colar de doas e tocado de rolo, deixando a fronte despexada. O detallismo da pintura detense tamén nos obxectos do íntimo dormitorio, escenario imposto para o desenvolvemento da escena dende finais da Idade Media, reproducindo o mobiliario común das casas principais da época, da que dan referencia os inventarios particulares. Dáse importancia ao leito con piares de forma clásica e capitel tallado, sostendo o dosel coroado por crestería metálica. Cores e bordados describen a calidade dos almofadóns, cobertores e colgaduras que o recobren, completando o mobiliario a arca de madeira, ricamente decorada a xogo ca cama, e a alfombra de motivos vexetais. Non en van a execución do mobiliario corría ás veces a cargo dos principias escultores e entalladores. O brillante colorido, e a atrevida gama dos vermellos, harmoniza co carácter intimista e cotián da escena.