Amuleto con moedas. Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé
As moedas per se teñen propiedades protectoras que lle son conferidas tanto pola forma como pola materia na que están realizadas. A súa estrutura redondeada, en referencia ao círculo, convérteas nun símbolo defensor, presente en todas as culturas, pola crenza de que os espíritos malignos non podían penetrar nun obxecto redondo. O feito de estar acuñadas en metal, reforza esa función protectora, pois son ben coñecidas as propiedades dos metais pola súa singularidade e pureza, e a súa utilización no mundo romano xunto coas pedras para a confección de amuletos; tamén o seu poder curador resulta evidente, como pon de manifesto a frase de Plinio: Metalla aeris multis instruunt medicam, sen esquecer que unha das imaxes máis próximas á moeda é a do éxito material, garantía de riqueza.
Todas estas singularidades fan da peza que presentamos, procedente do Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé (Ourense), un documento excepcional, de múltiples significados. Aparece formada por dúas pequenas placas de prata, cunha perforación circular nun dos seus extremos, que protexen no seu interior dúas moedas: un denario de Marco Aurelio (161-180) e unha 1/2 siliqua de Honorio (393-421).
A peza examinada, xunto coa ara dedicada á deusa Tutela, un amuleto de bronce cunha figa e dúas pequenas bullae de bronce, vén a compretar a visión da relixión e da superstición dos habitantes do Conxunto Arqueolóxico-Natural de Santomé no seu devir histórico.