Lápida de San Pedro de Rocas
No conxunto do monacato medieval galego San Pedro de Rocas posúe un lugar especial e destacado. De alí procede a peza protagonista destas liñas: a lápida que, considerada en ocasións «fundacional», se conserva na actualidade no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Trátase dunha inscrición feita nunha lousa de granito en que figura un texto repartido en catro liñas, rodeado por unha soga que, partindo do lado dereito, divide o espazo central en dúas partes, con dúas liñas de texto sobre e baixo ela. A soga remata no espazo esquerdo nunha cruz. O texto é o seguinte:
† [H]EREDITAS : N
EVFRAXI : EVSANI
QUINEDI : EATI : FLAVI
RVVE : ERA DA C XA I
Dela destaca en primeiro lugar a data: ano 611 da era hispana, que leva ao noso ano 573. A palabra de apertura, HEREDITAS, fai pensar que se trata dunha doazón ao suposto cenobio entón existente, feita polos nomes que figuran tras o N –¿NOS?–, como mínimo cinco: EUFRAXI, EUSANI, QUINEDI, EATI e FLAVI, pois queda pouco claro que é exactamente RUVE, se un sexto home, ou apelido de FLAVI –¿ou de todos eles?–, ou algo que non se sabe exactamente de que se trata. Ao interpretarse o texto como doazón e, en función da súa evidente antigüidade, non cabe dúbida de que pode tomarse como a dotación inicial do primeiro mosteiro de Rocas. Que se tivese plasmado nunha inscrición apuntaría á súa importancia, contribuíndo así a esta posibilidade.
Dotación inicial ou non, a mesma supervivencia da lápida sinala a súa importancia. Neste sentido hai que facer referencia á dubida de se estamos ante a pedra orixinal, labrada no 573, ou a unha copia posterior que, só por terse feito, redunda no valor do texto gravado. Non cabe dúbida de que o sogueado que rodea e parte o texto, típico da arte prerrománica «asturiana», parece declarar unha feitura nos séculos IX ou X. A esta datación contribúe a innegable relación deste sogueado co do pé de altar da mesma igrexa, conservado tamén na actualidade no Museo Arqueolóxico Provincial. Os seus arcos de ferradura levan a súa feitura máis ao século X que ao VI, avalando así que estaríamos ante unha copia da inscrición orixinal feita ao tempo que se elaborou este pé de altar.
En realidade, isto pouco importa para a historia de San Pedro: orixinal ou copiada catro ou cinco séculos despois, é evidente que sempre foi transcendental para a comunidade relixiosa que sucesivamente viviu en Rocas e manifesta dun xeito indubidable o valor e calidade que se lle deu á inscrición.