Máscaras de teatro de Basallo e Quessada
En 1975 José Manuel Blanco Gil -director e actor da Agrupación de Teatro Independente Histrión 70-, preséntase no estudio de Xaime Quessada na rúa Lamas Carvajal para facerlle o encargo dunhas máscaras que quería empregar na nova montaxe teatral na que estaban a traballar: Retablo da Avaricia, a Luxuria e a Morte de Valle Inclán. Ese día o pintor estaba co escultor Ignacio Basallo realizando gravados e acordaron abordar a encarga de forma conxunta.
Cando os actores xa avanzaban na lectura e ensaios do texto topáronse co atranco da censura e a obra nunca se estreou. Quedaron as máscaras baleiras de sentido pero a súa impactante forza de forma e cor, o variado dos materiais e a mestría coa que foron creadas propicia unha exposición no Ateneo ourensán no nadal dese ano. Como queira que os autores non cobraron nada pola súa obra, acordaron que se depositaran nalgunha institución cultural. Tres delas foron entregadas no Museo Arqueolóxico por Blanco Gil, outra quedou en mans de Basallo e do resto descoñecemos o seu destino.