O colar de doas discoides da Mámoa M2 de San Bieito (Lobios, Ourense)
As pezas discoides do colar proceden dunha escavación arqueolóxica realizada no concello de Lobios, no marco do proxecto de investigación Arqueoloxía na Baixa Limia: o encoro de Lindoso e o seu entorno. Tivo lugar no monumento megalítico que catalogamos como mámoa M2 de San Bieito (SBiM2), durante os anos 1988 e 1989.
As vinte e tres doas discoides, feitas con xisto, amosan unha grande uniformidade formal e nas súas dimensións. Os seus diámetros oscilan entre os 3 e os 4 mm, e as seccións máis anchas nunca sobresaen de 1 mm de espesor. Todas comparten unha morfoloxía discoidal circular, cunha perforación central que pode ser circular ou elíptica. Cómpre destacar que a localización de doas discoides nos monumentos tumulares do noroeste hispánico é moi escasa.