Vista xeral de Ourense
A mirada minuciosa, a amplitude da perspectiva, o soporte e a técnica empregada son os que nos fixeron vincular esta obra coa xa presentada Ponte de Ourense de Antonio Cendón, asinada, o que non acontece con esta Vista xeral de Ourense nin coa outra paisaxe urbana das coleccións do Museo, unha Vista da Catedral coa súa torre, no estado anterior ás obras de consolidación, traballo para o que fixo unha proposta o pai deste noso artista, Juan Cendón.
Nesta Vista xeral de Ourense destaca un bloque arborado no centro, no lugar da Alameda, que nos sorprende pois aínda estaba nos seus comezos e, coidamos, pode agochar unha falla de pintura nese sector. Tamén compre chamar a atención sobre o edificio coa bandeira, o actual Pazo Provincial, onde se situaban as oficinas do Goberno civil da provincia, construído polos irmáns Pérez Bobo alá polo 1847 e que dende 1852 alberga as oficinas citadas. Tamén a silueta da Catedral e das súas torres, a construción inacabada da actual igrexa de Santa Eufemia, e tantos e tantos detalles que a mirada pormenorizada do pintor deixounos para entretemento dos curiosos con tempo.