Sanidade
«Onde non hai moito tempo loitaban os homes contra as feras van loitar agora os homes de ciencia contra os microbios». No 1922 o doutor Rionegro aludía ao antigo solar da praza de touros no que agora se inauguraba un Hospital de infecciosos. Era a resposta da sociedade ourensá á epidemia gripal de 1918. A necesidade de infraestruturas era perentoria. A pandemia da gripe puxera en evidencia a necesidade de hospitais que só a actitude decidida de persoas como o propio Rionegro ou Juan Guerra Valdés, na comarca de Verín, puido resolver. Non obstante, o Hospitaliño de Ourense, construído por subscrición popular, carecía de auga corrente, luz e do equipamento necesario, motivo polo que foi totalmente desaproveitado.
Certo é, que desde 1921 existía o Instituto Provincial de Hixiene, o cal desde 1923 debe estar sostido pola provincia e encomendarse do control das enfermidades infecto-contaxiosas. Facíanse neste centro análises de auga, urina, sangue e tamén de bebidas e alimentos. Desde aquí organizáronse as campañas de vacinación de enfermidades que seguían sendo temibles: varíola, cólera, tuberculose…
Para atender esta última, unha mancomunidade das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra acomete a iniciativa de construír e soster un edificio da Leprosería Rexional do Noroeste de España a situar en Toén. A Deputación de Ourense aprobou o proxecto en 1928. Nunca chegou a ser finalizado como tal. Anos despois retomaríase o proxecto reconvertido en Hospital psiquiátrico.
A grande obra desta época foi poder rematar a construción do novo Hospital provincial. Concibido desde comezos do século, as obras paralizáronse en 1917 e ata 1925 non se retoman. En 1930 iníciase o servizo nos novos pavillóns (dividido así para gañar luminosidade e ventilación) situados ás aforas da cidade, nun solar das Lagoas.
O traslado do antigo Hospital das Mercedes deixaría máis espazo para o Asilo provincial no que eran acollidas as persoas anciás desamparadas. A Inclusa, tiña espazo propio no novo Hospital. Marcábase o reto de diminuír a mortalidade do centro que chegaba case ao 60 %. En cambio, a provincia carecía dun orfanato, quedando esta protección en mans particulares ou fundacións como a que erixe Ángela Santamarina Alducín no asilo do Santo Anxo no que daba auxilio a orfas dos 3 aos 24 anos.