Joaquín María Perfecto Lorenzo Fernández "Xocas" (1907 - 1989) foi un home dotado dunha forte sensibilidade e habilidade artística. Calidade que ben puido herdar de seu pai, coñecido ilustrador e caricaturista co pseudónimo de "Tabarra". Foi precisamente el quen lle ensinou as primeiras letras ata o acceso ao Instituto, lugar no que había entrar en contacto con Otero Pedrayo, xa como mestre -e ademais veciño fronte por fronte da rúa da Paz-, e aínda coa Comisión de Monumentos e as salas do Museo Arqueolóxico que compartían espazo co centro educativo. No último ano de estudante a súa habilidade manual permitiríalle o primeiro acercamento á figura de Florentino Cuevillas. Xoaquín preséntallea maqueta dun carro realizada en Facós (Lobeira) a Cuevillas e á súa vez este entrégalle dous libros para que profundase na historia do carro. É a primeira mostra do labor de mentor de Cuevillas, quen como recoñece Xocas cos seus ensinos e cos seus consellos foi pouco a pouco abríndolle camiño e o interese polo saber do pobo e pola súa cultura. Quizais debido á súa influenza encamiña os estudos cara Filosofía e Letras e Dereito. O falecemento do pai vai condicionar moito as posibilidades de conseguir un bo resultado académico e no curso de 1926 abandona. Mais fóra das ensinanzas oficiais, Xoaquín xa ten dado paso firme nos vieiros da historia. Moi novo aparece retratado nunha das casas escavadas por Cuevillas en San Cibrao de Las, a quen acompañaba tamén nas escavacións e prospeccións megalíticas que efectúa neses anos de cara ao coñecemento e definición desta etapa histórica.
En 1926 ingresa no Seminario de Estudos Galegos como membro activo. Participa das xeiras arqueolóxicas e dentro da organización é nomeado director do Museo etnográfico - arqueolóxico, ao que contribuíu con numerosas obras.
As primeiras publicacións que dá ao prelo a partir de 1927 son de carácter etnográfico, quizais a faceta pola que é máis coñecido, aínda que Xoaquín Lorenzo consideraba a arqueoloxía e a etnografía indisolubles: "A etnografía de hoxe será a Arqueoloxía de máis adiante, do mesmo xeito que a Arqueoloxía de hoxe é a Etnografía de antes".
A primeira gran publicación é Vila de Calvos de Randín en 1930, xunto con Cuevillas, obra modelo para os posteriores estudos do Seminario. Participaba da visión holística que Otero Pedrayo consideraba que debía ter o estudo da historia. Significativo é que o capítulo dedicado á arqueoloxía se titule "Etnografía prehistórica".
Ao ano seguinte retoma os estudos universitarios, esta vez si de forma presencial e participa nas escavacións de Baroña e Borneiro co profesor Sebastián García Paz, ao tempo que aproveita para recoller notas etnográficas para posteriores publicacións. No ámbito do Seminario deciden a publicación dunha serie de manuais dedicados preferentemente ao ámbito educativo, entre os que é posible se atopase un que Vicente Risco menciona que tiña preparado xunto a seu irmán, unha guía práctica de escavación: maneira de dispor e realizar a escavación, levantamento de planos e alzados... e o tratamento de gabinete dos obxectos rescatados: debuxo, reconstrucións, conservación...Ademais de teórico, fixo gala da aplicación práctica destas recomendacións nos artigos publicados, combinando as excelentes calidades coas que estaba dotado para o debuxo co invento se era preciso de enxeñosos aparatos para a representación de perfís cerámicos ou ben reconstruído e reintegrando obxectos cerámicos que nalgún caso aínda se manteñen expositivamente co seu acabado.
Debido ás súas ideas galeguistas e aos problemas que se lle ocasionan na Facultade, Xoaquín decide trasladarse á de Zaragoza no curso de 1933. No 1934 acada o título de Filosofía e Letras superando tamén a repentina morte do irmán Xurxo.
Xunto a Cuevillas dirixe a campaña de escavación de Troña de 1935 e uns meses despois publican Parroquia de Velle, na liña do anterior de Vila de Calvos de Randín mais sen a presenza dun apartado exclusivamente arqueolóxico.
Trala guerra -na que é mobilizado para caer rapidamente ferido grave- é sancionado pola súa actividade galeguista, feito que lle impide acceder a unha cátedra e o conduce ao ensino privado.
Ao tempo intenta con Cuevillas reconstruír o Seminario e sobre todo o proxecto unitario que emanaba deste, mais era unha tarefa imposible. Ademais de ser nomeado delegado local de escavacións -que pasará ser provincial coa falta de Cuevillas- coa incorporación de Ferro Couselo, con quen traba unha forte amizade, inicia unha colaboración máis estreita co Museo Arqueolóxico, realizando o inventario dos fondos, -algúns dos cales xa se ocupara de salvar nos sucesivos traslados- e dándoos a coñecer a través da edición do Boletín da Comisión de Monumentos, do que era o responsable, o Boletín del Museo Arqueológico ou o seu continuador o Boletín Auriense, así como impulsando a actividade do Grupo Marcelo Macías de colaboradores do Museo e Arquivo de Ourense.
En 1944 retoma o traballo de campo coa intervención no castro de Cameixa, con dúas campañas máis aos anos seguintes, cuxos resultados permitiron ofrecer unha panorámica diferente da cultura castrexa da ata entón exposta. Nas catas realizadas definen cinco niveis ocupacionais con construcións diversas e materiais con variacións definidas. Aínda que a memoria de escavación non ía ser publicada ata moitos anos despois, nos artigos que anunciaron os resultados as teorías propostas acadaron fortuna nos investigadores posteriores, caso como o da petrificación da arquitectura castrexa.
Os interrogantes e afirmacións abertas en Cameixa debían ser confirmadas, razón que pode explicar que retomase as escavacións no poboado de San Cibrao de Las, en 1948 e 1949, tras un desilusionante castro de Brués que acometera en 1945. Á vez, por proximidade intervén nos mesmos anos na denominada explotación mineira de Barbantes. Os resultados ían ser publicados por Chamoso Lamas.
Nos anos seguintes desvía a atención cara outras épocas: a vila romana de Abelenda das Penas e fundamentalmente a época medieval. Xunto a Rubén García e Chamoso escavan a necrópole do Castelo de Ribadavia, escava en Mixós e estuda os restos de Amiadoso, as igrexas de Pazó, de Francelos, adiantándose en décadas aos presupostos da "Arqueoloxía da arquitectura".
A publicación das inscricións romanas de Ourense dentro do proxecto para Galicia do Instituto Padre Sarmiento adiantándose ao resto de España na revisión do Corpus Inscriptionum Latinarum.
Entre medias colaborara con Taboada Chivite en 1959 nas escavacións do castro de Cabanca e con García Rollán en Castromao en 1963 e 1965. Os anos seguintes dedicaraos precisamente ao estudo deste xacemento en continuas campañas de escavación xunto a Ferro Couselo ata 1974, completando un dos seus máis denodados ámbitos de estudo: a construción doméstica dende a prehistoria.