Sen título (CE004164)
Capitel entrego con decoración vexetal e astrágalo resaltado. Ostenta unha fila de cinco follas de notable plasticidade que ocupan todo o cesto, sendo lixeiramente máis longas as follas angulares; todas elas amosan un acusado refundido no centro e rízanse, encerrando unha bola na súa terminación. Na parte superior, tanto no centro de cada cara como nos ángulos, áchanse uns saíntes prismáticos.
Sen título (CE004159)
Capitel entrego reutilizado posteriormente como pía, polo que presenta o taboleiro do ábaco excavado.
De tradición corintia, componse de dúas ordes de catro follas de acanto de execución bastante esquemática, dispostas de forma alternada. A superficie das follas está recorrida verticalmente por unha estreita e avultada nervadura central, flanqueada por dúas profundas incisións en forma de V que nacen na base e chegan deica a parte superior da mesma; as folliñas dos lóbulos están formadas por dúas incisións lanceoladas e outras triangulares na base. O ápice da folla, aínda que moi erosionado deixa ver a súa forma redondeada e engrosada como nun intento de voltearse.
De entre as follas da primeira coroa xorden longos talos en resalte, a modo de caulículos, dos cales, os dos extremos se desnvolven como querendo conformar unha especie de volutas que o desgate da peza nesta zona non permite apreciar.
Sen título (CE004158)
Ara romana reaproveitada para o culto cristián cun dado delimitado por unha cornixa de faixas lisas e estreitas a modo de filete decrecente e dobre moldura; estes mesmos motivos repítense na súa base, pero en menor número. Posiblemente a súa cara superior fora alisada xa que faltan os característicos rolos e o seu fóculo aparece agrandado e cun rebaixe inicial ao redor.
A cara A do dado, amosa unha sinxela inscrición, que, iniciada por unha cruz grega, desenvólvese en cinco liñas. Éste mesmo texto repítese fraccionándose entre as caras C e D; na primeira delas atópase a fórmula dedicatoria que comeza por unha cruz asturiana con hastil, o resto do epígrafe ocupa a cara D. Nestes casos a inscrición é máis coidada empregando para elo a técnica de plano refundido con resultado de grandes e baquetoneadas letras en semi-relevo; as liñas á súa vez enmárcanse por medio de cartelas. A cara B, máis estreita, está lisa.
Tampa sepulcral do abade Argivito
Laude sepulcral decorada por un baquetón central que recorre a aresta, delimitando lixeiras vertentes laterais para bifurcarse en ángulo e conformar unha "dobre estola" coas súas respectivas vertentes triangulares. A superior destas, fragmentada e repicada en parte, deixa adiviñar o inicio do que parecen tres semicírculos concéntricos, motivo coñecido con diversas variantes noutras tampas alto-medievais; ao seu carón mostra unha cruz incisa de brazos iguais, que se repite aos pés.
O completo epígrafe funerario, xunto cunha folla de hedra, ocupa a superficie das vertentes laterais. O contorno da peza aparece remarcado por unha liña incisa que define un baquetón e que na parte superior queda conformada polas aliñadas letras do epitafio.
Sen título (CE004155)
Cabeza e inicio do corpo dunha ménsula, que presenta no seu perfil curvo un só nervio ou baquetón, nas caras laterais conserva unha esvástica sinistrorsa inscrita nun círculo. A peza está moi maltratada e presenta numerosos repiques debido á súa reutilización como sillar.
Sen título (CE004154)
Parte do corpo dunha ménsula, que debido á posterior reutilización como sillar conserva soamente decorado un dos lados, estando o posterior liso. A cara conservada presenta unha decoración a bisel, dunha rosácea de oito pétalos de vértices puntiagudos, enmarcada por un espacio rectangular.
Relevo de Pazó
Bloque granítico, posible imposta entrega de capitel, decorado en dúas das súas caras, no interior de marcos caixeados. Na principais, labrouse en baixorrelevo unha figura masculina vestida con túnica curta cinguida á cintura, cos brazos levantados e as mans abertas, en actitude orante - tema xa coñecido na iconografía paleocristiá como representación da alma do defunto -; ao seu carón disponse unha folla grande con profunda nervadura que ben puidera querer representar unha árbore, interpretada como Árbore da Vida. O recadro lateral, moi erosionado e á penas visible, insiste na temática vexetal, mostrando dúas follas ou árbores como as da cara principal.
Sedente de Xinzo II
Representa unha figura en posición sedente á que lle falta a cabeza, aínda que conserva o arrinque do colo. Viste roupas sinxelas, unha túnica ou saio curto que descende ata debaixo dos xeonllos e que presenta unha escotadura triangular no peito e nas costas por onde corre unha liña lonxitudinal. No pescozo presenta un resalte circular que posiblemente corresponda a un torques e que curiosamente ten a abertura cara á parte posterior da figura.
Os brazos adórnanse con viriae ou brazais de dobre aro e dóbranse polos cóbados de modo que o antebrazo corre por riba das coxas. Porta un vaso en cada man, en actitude oferente. As pernas, separadas, están formadas por dous toscos cilindros, conservando os pés pero non os posibles dedos.
Tanto o tipo de roupas que leva como os brazais e o torques son elementos que mostran tamén os chamados guerreiros galaicos.
A cadeira sobre a que descansa a figura ten as patas e os brazos ben sinalados, e os remates dos brazos verticais posteriores están formados por troncos de cono coas arestas arredondadas, constituíndo o único elemento decorativo da mesma.
Sedente de Xinzo I
Representa unha figura en posición sedente á que lle falta a cabeza. Viste roupas sinxelas, unha túnica ou saio do que non se aprecia o remate e que presenta unha escotadura triangular nas costas e no peito por onde corre unha liña lonxitudinal. Os brazos adórnanse con viriae ou brazais de triple aro e dóbranse polos cóbados de modo que os antebrazos corren por riba das coxas, lixeiramente desprazados. Con ambas mans suxeita o que parece unha pátera ou quizais unha cartela. O mal estado de conservación da peza nesta zona, coa man dereita case desaparecida, dificulta o seu exame; sen embargo deixa ver que a man esquerda agarra un obxecto cilíndrico. As pernas, separadas, están formadas por dous toscos cilindros e están crebadas na zona dos pés que non se conservan.
Tanto as roupas que leva como os brazais son iguais aos que mostran os chamados guerreiros galaicos.
A cadeira sobre a que descansa a figura ten as patas e os brazos ben sinalados e o respaldo escadrado, presentando no remate superior do mesmo dúas molduras torneadas lisas como único elemento decorativo.
É posible que levara no colo un torques tal como parece lucir a outra figura sedente que apareceu xunto con esta, pero o feito de estar rota a escultura nesa zona non permite aseguralo.
Paxinación
- First page
- Páxina anterior
- …
- 100
- 101
- 102
- 103
- 104
- 105
- 106
- 107
- 108
- …
- Páxina Seguinte
- Last page
Albarelo con maior diámetro na súa base e con pé e golete sinalados. Decoración pintada en azul cobalto sobre verniz brilante. Motivo heráldico dun escudo circular con aguia bicéfala, timbrado con coroa aberta, sen diademas.