Tabula hospitalis de Castromao
Placa rectangular con marco moldurado e cun apéndice a modo de lingüeta na parte superior, na que se recolle un pacto de hospitalidade entre os coelernos e un prefecto da primeira Cohorte dos Celtíberos.
Ventá de Reza Vella
A fiestra é unha peza sinxela, aberta nun bloque granítico único, aínda que hoxe, logo da súa rotura cando se sacou do seu lugar, apareza como a unión de cinco fragmentos. No bloque abríronse dous ocos verticais rematados en senllos arcos ultrasemicirculares, tendentes caseque ao círculo, subliñando os elementos estruturais da peza cun livián surco que os resalta, o que levou a Yolanda Barriocanal a paralelizala directamente coa fiestra de San Xoán de Camba, que ten unha presentación similar. En efecto, as formas acentúanse por un sinxelo listel a penas refundido, a modo de filete que as contorna, liña que tamén segue o canto do bloque, formando un a modo de marco cuadrangular, roto na parte baixa dunha maneira apropiada para encastar o cumio dun tellado a dobre vertente. Na parte superior dos arcos, na enxuta, un triangulo, tamén en negativo único adorno desta peza construtiva, da que son coñecidos moitos paralelos, dos que deu conta X.C. Rivas nas páxinas do Boletín Avriense, e ás que cabe atribuír unha cronoloxía na décima ou undécima centuria, datas acordes coas informacións documentais coñecidas sobre Santa Catalina de Reza Vella.
A rotura do marco decorativo e a súa forma, como para encastala no cumio dunha cuberta a dobre auga, fainos pensar nunha reutilización nesa posición, afastada da que é máis habitual noutras fiestras desta mesma época, colocadas no centro das paredes frontais das ábsidas como aparecen as conservadas na súa posición como as de Santa Eufemia de Ambía por exemplo.
Sen título (CE003942)
Consta dunha longa folla de dobre gume e unha empuñadura calada tripartita. A folla, de sección lenticular e cuxa máxima anchura dáse preto da punta, presenta unha suave nervadura ou crista axial de reforzo, máis acusada no extremo proximal, e conserva partes co fío biselado. Na zona de unión coa empuñadura conserva nun dos cantos un delicado motivo de espiga como elemento decorativo. A empuñadura, á que se fixarían en orixe unhas cachas de óso ou madeira mediante cravos, estaría composta por garda, fuso e pomo. O fuso é rectangular, con rebordes laterais e tres orificios dispostos lonxitudinalmente -probablemente tería algún máis como parece indicar a zona de rotura na lingüeta que fixo desaparecer tamén o pomo-; a garda, de contorno en V pechado, ten tamén rebordes e tres orificios para remaches en cada lado.
Foi fundida en molde bivalvo e posteriormente forxada. Os buracos foron feitos por perforación, aínda que posiblemente se tivera conformado en molde unha zona máis adelgazada onde situalos. Os buracos dispostos na garda amosan restos de metal desprazado pola perforación nunha das caras. A folla foi traballada por forxa, conformando un suave nervio central e un biselado simple nos fíos. E posible que o tratamento térmico trala forxas sucesivas non fora dabondo para a homoxeneización do metal, polo que as tensións provocadas orixinan varias estrías transversais á folla, así coma fisuras (observables a lupa). Algunhas destas fendas son anteriores ao proceso corrosivo e varias aparecen en ámbalas dúas faces, polo que constitúen posibles liñas de fractura. O acabado xeral é puído e a superficie presenta unha forte abrasión lonxitudinal. Aínda así, obsérvanse algúns poros produto de problemas de desgaseado no proceso de coado.
Está incompleta, faltándolle un anaco no extremo da lingüeta, e encóntrase fracturada en dúas partes á altura do cuarto inferior da folla. As múltiples fendas transversais están especialmente afectadas pola corrosión. Está cuberta por unha pátina verde escura.
Sen título (CE003938)
Bloque granítico, que presenta na súa cara anterior, a modo de cartela, unha inscrición nunha liña sobre un campo escavado. A partir do S final a inscrición áchase incompleta.
Sen título (CE003932)
Prato con borde de sinxelo labio redondeado. Decoración estampada en cor azul. No fondo do prato, paisaxe imaxinario do tipo dos verosímiles ou realistas: castelo con numerosas torres almeadas á beira dun lago con embarcacións; en primeiro termo, escea galante de damas e cabaleiro conversando baixo as árbores. No borde do prato, orla tipo "grinalda", alternando atados de flores e ramas sobre fondo reticulado.
Sen título (CE003931)
Prato con borde de sinxelo labio redondeado. Decoración estampada monócroma, en cor negra. No fondo do prato, paisaxe tipo "góndola": en primeiro termo, un xardín nobre con balaustrada rematada por xarrón decorativo gaionado e ornamentado con figuras; detrás, lago con embarcación de vela. Na ribeira oposta, arquitectura a modo de igrexa sobre fondo montañoso. O prato ten o borde decorado cunha orla tipo "góndola", que alterna este motivo con ramos de rosas.
Dionisos e Ampelos
Escultura de vulto redondo que representa dúas figuras masculinas núas, á maior das cales fáltalle a cabeza e o brazo dereito dende pouco máis abaixo do ombro. O grupo interprétase como Dionisos ebrio asistido polo sátiro Ampelos -a vide-, tema mitolóxico que deriva de modelos helenísticos e do que existen numerosos paralelos.
A figura de Dionisos describe no seu contorno un lixeiro S que evoca ritmos praxitélicos, descansando o peso do corpo sobre a perna esquerda mentres a dereita aparece levemente flexionada. O brazo esquerdo disponse sobre o ombro de Ampelos, quen a súa vez cingue co seu brazo dereito a figura de Baco, apoiando a man aberta sobre a súa espalda, ao tempo que ergue a cabeza cara o deus.
A consecución da estabilidade de ámbalas figuras conséguese mediante a presenza na parte traseira dun groso tronco de árbore adherido á perna esquerda de Dionisos e sobre o que, sentado a carranchapernas, descansa o sátiro, a cuxos pés encóntrase unha caixa cilíndrica coa tapadeira aberta.
A obra chegou ata nós extremadamente erosionada o que non permite apreciar os detalles do seu tratamento, senon tan só as formas xerais da mesma.
Sen título (CE003876)
Capitel entrego de tipo vexetal con follas lanceoladas que partindo do colariño, ostentan eixos perlados e vólvense lixeiramente nas puntas. Unha segunda fila de follas de pequeno tamaño dispóñense entre os ápices da primeira. Ábaco cadrangular liso.
Sen título (CE003874)
Machado plano con dous apéndices laterais perto do talón. Sección rectangular que vai adelgazando progresivamente ata o gume.
Paxinación
- First page
- Páxina anterior
- …
- 101
- 102
- 103
- 104
- 105
- 106
- 107
- 108
- 109
- …
- Páxina Seguinte
- Last page
Fíbula á que lle falta o traveseiro e a agulla. Arco ultrasemicircular, de sección transversal, cunha depresión lonxitudinal. Pé desenvolto, ancho e firme con restos da goteira lateral para asento da agulla. Apéndice caudal elevado, en ángulo recto, rematado por un botón troncocónico. Conserva un pequeno fragmento de charnela e do eixo, de ferro.