Pronto se encamiñou cara aos estudos eclesiásticos e dous anos despois de ser ordenado sacerdote era xa catedrático de Filosofía no seu seminario. Dúas vocacións pronto cinguidas que Marcelo Macías quería completar cos estudos universitarios de Filosofía e Letras en Madrid, onde impartían docencia Emilio Castelar, Lázaro Bardón ou Manuel Sales y Ferré. En dous anos remata a licenciatura a pesar de ter que compaxinar os estudos coa impartición de clases nun colexio para poder custealos.
A actividade docente lévao a recorrer distintas xeografías: Mallorca, Estremadura, Xixón e finalmente Ourense en 1884, residencia ata o seu pasamento.
Chega a Ourense como catedrático de Retórica e Poética no Instituto instalado no antigo colexio da Compañía. Moi preto das aulas en 1887 inauguraríase a estatua en homenaxe ao Padre Feijoo, actos nos que Marcelo participou co sermón fúnebre na Catedral, confirmando a fama de grande orador e a súa rápida integración na sociedade ourensá.
Pouco antes lera a Tese doutoral en Madrid e exercía como secretario do Instituto, cargo que troca en 1893 para o de Director. Nesta función acomete o traslado ao moderno edificio do Centro Provincial de Instrucción en 1895. As instalacións do novo espazo abrían moitas posibilidades de cara á formalización de iniciativas que xurdían naquel momento ou que era preciso revitalizar. Entre os seus muros tiveron cabida a Biblioteca Provincial a Escola de Artes e Oficios (da que tamén foi director Marcelo Macías) e a Comisión de Monumentos.
Precisamente coa chegada como membro da Comisión de Marcelo Macías en 1891, despois de ser nomeado académico correspondente da Real Academia de la Historia, promoveuse a refundación do Museo Provincial en 1895 que como o seu antecedente, o Museo de Pinturas, ía compartir desde 1906 espazo co centro educativo.
A partir dese momento a Comisión de Monumentos cobra unha nova dimensión; é posible facer visible a súa obra -máis alá do tamén valioso de informes e labor en favor da protección do patrimonio- cunha exposición de fondos arqueolóxicos e artísticos da Provincia. Con Marcelo Macías á cabeza recorren a xeografía da provincia recollendo datos, comprobando o estado de monumentos ou tratando de adquirir pezas para o Museo. O incremento de pezas con obras procedentes da colección dos propios membros da Comisión ou doutras doazóns é notable. Moitas das xestións frutificaron grazas á intermediación de Marcelo e a pesar de sucesos como os coñecidos de Nocelo da Pena non cesou, nas súas palabras, o amor á investigación e ao estudo, nin a firme vontade para sobreporse a toda clase de obstáculos e desfalecementos.
En 1898, grazas ao seu impulso, iníciase a publicación do Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense, obra monumental que ata 1960 servirá para divulgar e canalizar as investigacións arqueolóxicas e históricas que se realizaban arredor do Museo, e segundo rezaba o artigo programático firmado polo propio Marcelo Macías, espertar o interese da veciñanza nos fins da Comisión.
Para Otero Pedrayo, percibía Marcelo Macías unha historia magnífica, cuxas figuras, monumentos e institucións esixían ser tratados coa severidade dos métodos científicos. As series sobre a epigrafía ourensá ou astorgana, inscricións, medallas e numismática (campo no que era considerado a máxima autoridade a nivel español) e fontes documentais medievais acércano á nova escola positivista. A estes pasos soubo encamiñar aos seus alumnos e colaboradores, sen ocultalos como di Fariña Busto, a pesar de ser o referente omnipresente e animador da vida cultural da cidade entre finais do século XIX e o primeiro terzo do XX, o que lle valeu o recoñecemento en 1917 da prensa e os seus amigos coa acuñación da súa efixie nunha medalla de ouro.