Sesto Novás, Francisco

Data de nacemento
11/10/1943
Lugar de nacemento
Vigo (m)
Biografía

Fillo do intelectual galeguista Xosé Seto, marchou cara a Venezuela coa sua familia con dezaoito anos. Alí estuda arquitectura e desempéñase coma profesor da Cátedra de Deseño na Escola de Arquitectura da Universidade Central de Venezuela.
En Venezuela, onde fixa a súa residencia, alcanza o cume da súa carreira política ao ser nomeado Ministro de Cultura no ano 2008, nomeamento que repite no ano 2010. No ano 2013, non obstante, é destituído por mor de acusacións de corrupción. Neste período ostentou, ademais, os postos de Ministro do Poder Popular para la Vivienda y Hábitat, director da Oficina de Planes y Proyectos Especiales de la Presidencia e Ministro del Poder Popular para la Transformación Revolucionaria de la Gran Caracas.

Dios Martínez, Xosé Luis de

Data de nacemento
1943
Lugar de nacemento
Ourense (m)
Data de defunción
02/08/2010
Lugar de defunción

Tui (l)
Biografía

Comeza a súa formación artística na Escola de Artes e Oficios da cidade de Ourense baixo a tutela de Luis Fernandez-Xesta. Nos anos sesenta marcha a Madrid para estudar na Escuela de Bellas Artes de San Fernando. A finais desta década comeza a expoñer con outros artistas coma Xaime Quessada -membro, coma de Dios, do grupo dos "Artistiñas", Acisclo Manzano ou Manuel Buciños.
A súa obra, presente en museos españois, europeos e americanos, caracterízase nun inicio por un marcado e firme trazo debuxístico que, avanzado o tempo, evoluciona cara unha pinura simultaneísta similar á do pintor futurista Gino Severini. Na última etapa da súa obra, a figura humana é pouco frecuente.

Maside, Xulio

Data de nacemento
1933
Lugar de nacemento
Vigo (m)
Biografía

Sobriño de Carlos Maside, os seus primeiros anos de vida, tras marchar a familia a Santiago de Compostela, transcorren condicionados por este feito e ao carón do tío que actúa como maestro iniciático. Co decurso do tempo, o estilo de Xulio Maside sepárase da tutela familiar e acada outro tipo de horizontes, centrados na figura humana nunha versión subxectiva e de certa abstracción e empregando a mestura de técnicas coma o debuxo, a pintura e o collage nas súas obras.
Preside durante as décadas dos setenta e os oitenta a Asociación Galega de Artistas Plásticos.

Vidal Souto, José Manuel

Data de nacemento
06/04/1948
Lugar de nacemento
Ourense (l)
Biografía

Formado como artista no contexto do vital Ourense dos "Artistiñas", grupo propulsado e alentado por Vicente Risco, comeza a expor a finais dos anos sesenta e forma parte da xeración inmediatamente posterior á mencionada agrupación artística.
O seu estilo, dun inxenuismo pretendido e complexo en matices, emparéntase coa obra de artistas coma Arturo Baltar.

Cáccamo, Berta

Data de nacemento
01/09/1963
Lugar de nacemento
Vigo (m)
Data de defunción
11/05/2018
Lugar de defunción

Coruxo
Biografía

Comezando a súa formación como artista na cidade de Barcelona, pronto entra en contacto cos postulados e as ideas do Grupo CoBrA.
Licénciase en 1986 na Facultade de Belas Artes de Sant Jordi e entra a formar parte do grupo Atlántica, destacándose por un estilo tendente ao espazo baleiro. Esta tendencia a destacar o silencio pictórico acrecéntase en etapas posteriores da súa obra e mestúrase con influencias extraidas das investigacións que realizou a comezos dos anos noventa sobre o arte das civilizacións clásicas e orientais.

Quesada Porto, Antonio

Data de nacemento
01/06/1932
Lugar de nacemento
Ourense (l)
Data de defunción
26/01/2015
Lugar de defunción

Vigo (m)
Biografía

De formación autodidacta, realizou diversas tarefas artísticas na infancia para, inicialmente, desempeñarse como funcionario do Estado na cidade de Zamora, oinde se asenta no 1953. Alí entra en contacto con artistas e escritores coma Antonio Pedrero, Hilario tundidor ou carlos Rodríguez e, influencia parcial distes e da súa idiosincrasia, interésase de cheo pola paisaxe e a súa representación pictórica.
En 1962 participa nunha mostra de artistas ourensáns en Madrid e, pouco despois, parte cara Europa co seu irmán Xaime e o escultor Acisclo Manzano. Expón en distintas cidades europeas e americanas e en 1966 aséntase en Vigo, onde gaña o premio Quiñones de León no 1970. A este galardón sucédeno outros como a medalla de prata na Bienal de Pontevedra do 1971 ou a de bronce na Trienal de Santiago de 1973.
O seu estilo e temática, que é eminentemente paisaxística, xira sobre unha concepción subxectiva e persoal, sentimental, da natureza e a realidade.