Fillo dun debuxante e pintor afeccionado, inicia a súa formación na Escola de Artes e Oficios da súa cidade natal, baixo a direccción do didacta Luís Xesta. Máis tarde xúntase aos "Artistiñas", grupo auspiciado polo escritor Vicente Risco. Expón por primeira vez en 1954 no Lice ourensán. Tes anos despois ingresa na École Nationale Supérieure des Beaux Arts de París, na que completa a súa formación. Gaña o seu primeiro premio cun cartel para o concello ourensán en 1959. Pasa longas tempadas en París, alternándoas con estancias en Galiza, onde debuxa, ilustra libros, pinta e prepara exposicións que se suceden nas cidades de Galicia, Madrid, Barcelona, Santander e Valladolid. Un momento crucial na súa vida chega en 1972, cando expón por primeira vez en Milán, interesando a súa obra no ámbito da gran cidade. A partir de 1975 dáse a coñecer en Alemaña, país que vai ser o seu mellor mercado. A súa pintura cruza o Atlántico e exponse en Caracas. A súa consagración definitiva en Galiza conséguea coa exposición antolóxica que dentro da serie de grandes artístas galegos dedícalle Caixavigo no seu centro cultural en 1991. O seu peculiar estilo popularízase polo encargo de dinteis, capitulares, colofóns e viñetas para a Gran Enciclopediaq Galega. A súa obra está representada en todos os museos de Galiza, así como en centros e institucións públicas. Realizou tamén un gran mural para o aeroporto de Santiago de Compostela. A obra de Virxilio ten dúas características moi definitorias; é, por unha banda un debuxante minucioso, de caligrafía esquisita ou de trazo groso e simplificado, faceta na que idealiza paisaxes, ambientes e composicións de figuras, que é a que lle deu prestixio; por outra banda é un paisaxista conciso, de paleta agresiva, para representar unha natureza en verdes, terras, ocres e negros. Tamén é autor de retabulos, pintura baixorelevo sobre taboa.