Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel / Castelao

Data de nacemento
29/01/1886
Lugar de nacemento
Rianxo (l)
Data de defunción
07/01/1950
Lugar de defunción

Bos Aires
Biografía

En 1896 marcha a Arxentina coa súa nai para reunirse co seu pai. Reside alí ata 1900, ano no que volve a Rianxo. Estuda medicina en Santiago de compostela e alí comeza a desenrolar a súa arte a través de caricaturas e debuxos humorísticos. En paralelo a esta actividade, coa que colabora na prensa galega, comeza a producir pintura costumista.
Expón en solitario en Madrid en 1912. En 1914 comeza a colaborar como humorista gráfico de carácter político. En 1915 acada o terceiro posto na Exposición Nacional de Bellas Artes de Madrid.
Establécense en Pontevedra en 1916 e afíliase ás Irmandades da Fala. Segue a colaborar como humorista gráfico na prensa e en A Nosa Terra. Produce pintura primitivista dende 1918. Cos debuxos que publicara na emigración e en Galicia reelabora o álbum Nós. Deseñará cubertas para libros e carteis. Nestes anos, noos que comeza a publicar relatos, conxuga ilustración e textos para crear o xénero das "cousas".
Nos anos vinte únese ao Seminario de Estudos Galegos e, colaborando con él coma investigador, debuxante e etnógrafo, realiza unha serie de viaxes por Europa que culminan nos seus traballos sobre os cruceiros pétreos da Europa Atlántica. Na década seguinte intensifica a súa actividade política e encabeza os esforzos autonomistas do galeguismo. En 1936 consegue presentar o Estatuto de Autonomía que será aprobado polas Cortes republicanas no exilio no 1945.
Tras unha viaxe a Moscova no 1938, e no contexto da Guerra Civil e a posterior victoria sublevada, marcha ao exilio americano no 1939. En 1940 establécese en Bos Aires. Dende alí desenrola unha importante actividade política e cultural, exemplo do intelectual comprometido no exilio.
A súa obra plástica, e en especial o debuxo, caracterízase por conxugar un recoñecible e depurado estilo cunha clara e ostensíbel vocación de retrato e crítica social.

Parada Justel, Ramón

Data de nacemento
1871
Lugar de nacemento
Esgos (l)
Data de defunción
13/05/1902
Lugar de defunción

Ourense (l)
Biografía

A súa nenez transcorre na súa vila natal, moi próxima á capital orensá. Trasládase a Madrid para cursar estudos na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, obtendo nas probas de acceso, o número un en 1888. Alí reside ata 1893, interesado polo rigor do oficio que manifesta como debuxante e pintor, xa con modos impresionistas.
Consegue o premio de colorido entre medio centenar de novos graduados en Belas Artes. A Deputación orensá concédelle unha bolsa para viaxar a Roma, onde se integra na Academia Española. Alí permanece dous cursos, ata 1894, traballando intensamente. A influencia da pintura historicista e a escenografía déixanse sentir nos seus traballos.
De volta a España participa nas Nacionais de Belas Artes. Obtén terceiras medallas nas edicións de 1899 e 1901, así como a mención honorífica en Arte Decorativa na segunda destas datas. Ourense xa o coñece e recibe encargos diversos, tanto de pintura como ornamentais públicos. Tamén pinturas para a capela de Santo Antón, na catedral da súa cidade.
Instálase en Madrid outra vez en 1897. Atópase seriamente enfermo, afectado pola tuberculose. Expón en 1900, ano no que é nomeado profesor interino da Escola de Artes e Oficios de Ourense. Pinta incansablemente, xa por completo cunha técnica impresionista.
Nos últimos momentos da súa vida a pincelada amplíase e é pura brochada, debuxada directamente coa cor, porque o debuxo formal queda implícito e seguro. A súa enfermidade agrávase e o malogrado artista falece en Ourense o 13 de maio de 1902, cando só tiña 31 anos. Foi encadrado posteriormente na denominada Xeración Doente galega.
Varias exposicións póstumas confirman o recoñecemento de Parada Justel, como as celebradas en Ourense en 1903 e 1911, en Madrid en 1912, na Coruña en 1923, Santiago de Compostela en 1926, Lugo en 1927, Orense 1977 e 1979, Vigo en 1980 e a monumental que a Xunta de Galicia organiza, con carácter itinerante, en 1991.
A obra de Parada Justel está case na súa integridade no Museo Arqueolóxico de Ourense, doada polos seus familiares. Hai algunhas pezas en institucións oficiais de Madrid e en museos de Galicia.

Mendiguchía, José María

Data de nacemento
1840[ca]
Lugar de nacemento
Talavera de la Reina
Data de defunción
1903
Lugar de defunción

Pontevedra (m)
Biografía

Pintor español, especializado en temas de historia, que tamén realizou obras costumistas. Estudou en Roma e remitiu as súas obras ás Exposicións Nacionais de Belas Artes dende 1881, nas que obtivo mención honorífica en 1892 e terceira medalla na edición de 1895 polo lenzo titulado "Desahucio".